Teis saíu este xoves á rúa ao berro de «biblioteca real e espazo cultural» ou «non concibimos biblioteca sen libros». A veciñanza, convocada polas Anpas dos colexios do barrio, a Asociación de Veciños e Voces polo Litoral de Teis, reclamaron que a biblioteca sexa unha realidade canto antes.
A manifestación saíu dende o antigo ambulatorio de Teis e transcorreu por Sanjurjo Badia ata a praza do Mercado de Teis. Na marcha deixaron claro que non aceptan que o edificio do antigo ambulatorio se converta nunha simple sala de lectura como as xa inauguradas en Navia ou no Auditorio Mar de Vigo. Así, a veciñanza esixiu que o Concello asegure unha biblioteca que cumpra con todos os requisitos.
Na intervención de Miguel Tizón, en representación dos colectivos convocantes, salientouse que se chegaba a este acto despois de «moitos intentos de diálogo e participación co Concello, decidíndose dar este paso ante a negativa deste en asegurar que a instalación algún día van inaugurar vai cumprir con requisitos mínimos como son o dispor de préstamo e libros ou persoal bibliotecario».
Pola súa banda, Anxo Igrexas, da Asociación de Veciños de Teis, lembrou que o edificio do antigo ambulatorio leva pechado dende o 2002, e que dende xa fai tres anos está cedido ao Concello, polo que «houbo tempo dabondo para facer realidade esta a biblioteca».