O Servizo Galego de Saúde implantará en todas as áreas sanitarias o novo sistema para realizar as probas do coronavirus que foi probado con éxito no Hospital Meixoeiro de Vigo. Así, o test pode facerse aos pacientes desde os seus propios vehículos sen que teñan que baixarse deles, e que só se lle realizará as persoas que teñan prescripción facultativa e cita previa. O facultativo ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios establecidos nos protocolos e quedará rexistrada na historia clínica electrónica do paciente.
Con esta medida trátase de complementar e axilizar o sistema de recollidas de mostras a domicilio, que ven incrementando a súa demanda nos últimos días.
O novo sistema, coordinado e priorizado polo servizo de Medicina Preventiva dos hospitais, permite axilizar tempos xa que posibilitan que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos equipos de protección individual (EPI) xa que mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI,os profesionais van utilizar un só equipo por quenda de traballo, sen necesidade de cambiarse con cada paciente.
Na actualidade xa funciona en Vigo, Ourense e Lugo. Está previsto que este venres comece na Coruña e Pontevedra, e o luns en Santiago e Ferrol.
Uso do 061 para casos graves; o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos. Nesta páxina tamén se pode atopar un test interactivo, elaborado por persoal sanitario, para proporcionar á poboación un sistema áxil e inmediato no que atopar información actualizada sobre cuestións relacionadas co coronavirus. Ademais, o feito de que o test personalice as respostas, a través de preguntas concretas, permite ofrecer recomendacións adaptadas á situación particular de cada persoa.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.
Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.