O delegado territorial da Xunta en Vigo e presidente do CCVV, Ignacio López-Chaves, xunto ao xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, José Luís Díez Yáñez, e a xefa de área provincial do IGVS, María Martínez Allegue, foi o encargado de presidir dito sorteo de asignación, a través do cal as tres familias adxudicatarias coñeceron a vivenda concreta que lles corresponde. Tras a aprobación do listado definitivo de adxudicatarios o pasado mes de novembro e o acto de hoxe, as familias puideron visitar hoxe mesmo as súas vivendas concretas para proceder nuns días á firma do contrato e a entrega de chaves.
Os participantes que optaron a unha destas tres vivendas en aluguer foron as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, na modalidade de Vivenda de Promoción Pública en núcleos rurais ou cascos históricos e, concretamente, na opción de aluguer para a cidade de Vigo. Trátase dun procedemento de selección de segundas e posteriores adxudicacións nesta modalidade de VPP iniciado en abril deste ano.
Características
As vivendas que formaron parte deste procedemento están destinadas a unidades familiares con idades comprendidas entre 18 e 35 anos, cuns ingresos entre 1 e 5,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), e un prezo de aluguer que ronda os 140 euros en función da superficie do piso e dos ingresos dos adxudicatarios.
Concretamente, as vivendas atópanse no número 39-41 da rúa Ferraría e no 14-16 de Subida ao Castelo. As tres son dúplex, contan con rocho e teñen unhas superficies de 64,12 m2; 51,54 e 64,56 metros cadrados.