Logo dun curso no que a docencia presencial tivo que alternarse coas modalidades mixta e non presencial, este luns bota a andar un novo ano académico na UVigo que será eminentemente presencial. “É un curso ilusionante para todos, no que agardo que sigamos sendo todos moi coidadosos para que non se produza ningún gromo dentro da Universidade”, salientou o reitor Manuel Reigosa esta mesma mañá, ao que engadiu que “aínda que sexa en pandemia, vai a ser un curso bastante máis normal co anterior, xa que agás un par de titulacións que polas súas características específicas aínda van funcionar de xeito mixto, na inmensa maioría das titulacións o grao de presencialidade achegarase nesta ocasión ao 100%”.
Este é o modelo que a Reitoría da UVigo denominou “normalidade adaptada”, aprobado en Consello de Goberno o pasado mes de xullo, unha aposta coa que se busca que o sistema mixto ou non presencial quede reservado para situacións puntuais ou casos localizados de curta duración, derivadas de restricións locais ou por gromos nalgunha dependencia universitaria. “En certa maneira será de novo un curso atípico, porque seguimos con medidas de seguridade, xa que non imos relaxar este aspecto en ningún momento, pero que se afronta con moita máis tranquilidade grazas ao avance da vacinación”, recalcou o reitor, quen fixo fincapé en que a pesares de que toda a universidade española e, moi especialmente a galega, se adaptou a gran velocidade ás novas circunstancias que esixía a pandemia, “todos estabamos a desexar o regreso ás aulas de xeito totalmente presencial”. Así, as únicas excepcións á presencialidade total son grupos grandes de materias obrigatorias e básicas dos graos na Facultade de Educación e Traballo Social; nos grupos teóricos dos graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e nos grupos teóricos de 2º e 4º curso do grao da Facultade de Química, así como no Mestrado en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas.
As medidas anti-covid que se adoptan nos tres campus atenden ás limitacións fixadas pola Xunta de Galicia, e ás normas sanitarias, establecéndose ocupacións do 50% para bancadas fixas e 1,2 metros para mobiliario non fixo. “Pola nosa banda sempre estamos atentos ao que nos van indicando as autoridades sanitarias e este curso a novidade é que imos ter un aforo menos limitado, o que permite que asista máis xente ás clases”, explicou Reigosa, quen tamén fixo fincapé en que desde a UVigo se seguirán mantendo as probas PCR realizadas mediante pooling por saliva, os códigos QR nas aulas, os procedementos de seguimento dos contaxios que se vaian notificando… “Este ano as condicións son mellores, pero quero insistir en que non imos relaxar en ningún momento as condicións de seguridade e manteremos en todo intre a vixilancia para que ninguén se contaxie nas aulas universitarias”, insistiu o máximo responsable da institución académica.
Boas expectativas de matriculación
Respecto ás cifras de matriculación que se están a rexistrar este curso, sen ben se trata de datos que aínda non están pechados –quedan pendentes varios prazos de matrícula- o reitor amosouse “moi satisfeito” cos resultados acadados. “De novo imos superar o 100% das prazas, é dicir, entraron en primeiro máis estudantes que prazas puxemos en marcha”, recalcou o reitor, quen relacionou estes bos datos con dous feitos: “dunha banda, os datos demostran que as cousas na Universidade se fixeron ben e, polo tanto, o alumnado sabe que vai a poder confiar na institución e, pola outra, tal e como xa consideramos o curso pasado, parecen indicar que estudantes que noutras circunstancias marcharían a outras latitudes prefiran quedar en Galicia ante o temor a novas restricións”.
Tres novas titulacións
Neste curso 2021-2022 a Universidade estrea tres novas titulacións. No que se refire aos grao, a Facultade de Filoloxía e Tradución arrancou hoxe a docencia do novo grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española, FAGE, que conta con dúas especialidades: galego e español e 50 prazas. Coa implantación deste grao iníciase o proceso de extinción do grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios que se cursaba ata agora na FFT. Ao novo grao súmanse, o máster en Sistemas Aéreos non Tripulados, conxunto coa USC, e que inicia o proceso de extinción do mestrado universitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, e o programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións, conxunto coa USC, UDC e as universidades portuguesas de Porto, Tras-Os- Montes e Alto Douro e Minho.
Benvida ao alumnado no campus de Vigo
Neste primeiro día lectivo, a gran maioría dos centros optou por organizar sesións de benvida, sobre todo para o alumnado de novo ingreso. A Facultade de Filoloxía e Tradución foi un deles, cun acto para cada unha das súas titulacións, incluída a que arranca este ano: Filoloxía Aplicada Galega e Española, que é a principal novidade académica da UVigo. O decano, José Montero, foi o encargado de darlle a benvida a todos os grupos satisfeito de poder volver á normalidade, aínda que con distancia e máscara, pero “comezando co curso como o facíamos hai uns anos, interactuando entre todos”. Especial foi o recibimento ao alumnado do novo grao, unha titulación “cunha vertente moi práctica” que, segundo Montero, lles “abrirá expectativas impensables”.
Tamén a EE de Telecomunicación celebrou un acto de benvida este luns para o seu alumnado de novo ingreso. Fíxoo no exterior da escola e nel a directora, Rebeca Díaz, estivo acompañada por parte do equipo directivo, representantes do alumnado e persoal do Centro de Linguas. Entre todos faláronlles da importancia da plataforma educativa Moovi, de manter os seus correos electrónicos actualizados, de como se organizan as clases, tanto nos aularios como nos laboratorios, das diferentes opcións da formación en linguas, das diferentes asociacións estudantís con sede na escola…
Ao longo da xornada, tamén a EE Industrial, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ciencias do Mar e a Enfermaría do Meixoeiro acolleron actos de recepción do alumnado. A pasada semana tiveron lugar os de Ciencias Económicas e Empresariais e Química. Nos próximos días terán lugar os de Bioloxía, EE de Minas e Enerxía e a EU de Estudos Empresariais.