“Hai pequenos axustes, pero os cambios son mínimos”. Nestes termos refírese o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, á oferta de prazas de novo ingreso de grao e mestrado que a Universidade de Vigo realizará para o vindeiro curso 2020/2021, e que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional rexistraba nas últimas horas na aplicación informática do Ministerio de Universidades. A incorporación de tres novos programas de simultaneidade á oferta xa existente, co obxectivo de acadar un nivel similar aos que se imparten nas outras dúas universidades do SUG, é a principal novidade no catálogo de titulacións de grao da UVigo para o vindeiro curso, no que tamén se incrementa o número de mestrados en catro. En total, a oferta de novo ingreso de grao acadará o vindeiro curso 3743 prazas, seis menos que este, e 1763 de máster, contabilizándose en ambos casos a oferta dos centros propios e dos adscritos.
“A oferta é algo dinámico que precisa de axustes todos os anos. No caso dos graos estamos ademais nun momento de ‘impas’, xa que no ano 2021 abrirase o novo mapa de titulacións, que suporá un cambio importante e por tanto estamos ante ‘un fin de ciclo’. Aínda así, e independemente de que xa se está a traballar na definición das bases do novo mapa de titulacións, fanse axustes, como o que supuxo o acordo promovido pola UVigo a finais do curso pasado e que supuxo, por exemplo, a consecucións dos graos en Automoción e en Relacións Internacionais para a nosa universidade”, destaca Ramos , en relación a estas dúas titulacións que se implantarán no curso 2021/2022. No que se refire á oferta para o 2020/2021, a implantación de tres novos programas de simultaneidade xurdidos da Escola de Enxeñaría Industrial, é principal novidade, que por unha banda atende a demanda do propio centro para complementar a oferta da titulación de Enxeñaría Biomédica, e por outra, como parte do acordo acadado no SUG en xullo do ano pasado que incluía o PCEO en Enxeñaría Mecánica e en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática. “Os dobres graos, aínda que non se trata de titulacións propiamente ditas, xa que son programas de estudo formados por titulacións existentes, supoñen unha oferta atractiva para o alumnado, tal e como demostran as notas de corte de entrada dos que xa se ofertan. O atractivo é obvio, obter dúas titulacións de grao, co plus que iso supón para o currículo e para a formación do alumnado, que ten un carácter máis disciplinar”, detalla Ramos.
Así mesmo, o vindeiro curso comezará a impartirse a modalidade virtual do Grao en Dirección e Xestión Pública, unha iniciativa pioneira no mapa de titulacións de grao no SUG, que ofertará 20 prazas, a sumar ás 25 que se impartirán en modalidade presencial. No caso das titulacións cuxa continuidade estaba en perigo por baixa matrícula, mantéñense na oferta para o vindeiro curso, tanto no caso do grao, como no do mestrado, “iso si, cómpre sinalar que os acordos cos que chegamos coa Xunta para seguir ofertando estes títulos, implican compromisos por parte da UVigo, que temos que ser quen de cumprir, como é o de presentar novas propostas de títulos que substitúan a algunha delas, como é caso de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios”, explica o vicerreitor.
Enxeñaría Aeronáutica para o 2021-2022
Cara ao vindeiro curso, a UVigo ofertará o mesmo número de prazas de novo ingreso de mestrado que este, coa excepción do Máster en Enerxía e Sustentabilidade, xa que a súa comisión académica decidiu que pasara a ofertarse como bianual, polo que o curso que vén non se impartirá. Á oferta actual súmanse catro mestrados novos: o Máster en Nanociencia en Nanotecnoloxía (13 prazas), o Máster en Dirección e Innovación da Cadea de Suministro (30 prazas), o Máster en Visión por Computador (seis prazas)e o Máster en Industria 4.0 (15 prazas). “Como no caso dos graos, a oferta vaise axustando, polo que cada vez hai menos variacións, pero sempre cómpre mellorala, neste caso cos catro novos mestrados”, explica o vicerreitor.
En relación co Máster en Enxeñaría Aeronáutica, Manuel Ramos lembra que a Xunta emitira en novembro pasado o seu informe previo, no que establecía as condicións que debía cumprir a proposta de plan de estudos para que se autorizara o inicio da súa tramitación. “En base ao contido de dito informe, trasladouse ao centro o encargo de traballar conxuntamente co centro correspondente da UDC nunha proposta de plan que cumprira os requisitos establecidos. Aínda que o prazo inicial establecido pola Xunta era o mes de febreiro, conseguíronse diferentes ampliacións para tentar ter o plan de estudos listo, pero finalmente isto non sucedeu, comunicándonos a escola o 26 de marzo a imposibilidade de chegar a un acordo entre os dous centros. Á vista da situación os equipos reitorais das dúas universidades mantiveron unha reunión e chegaron a un acordo para a elaboración do plan de estudios, pero xa sen tempo material para que dito plan estivera aprobado para empezar a impartirse no curso 2020/21. En base a este acordo, o Máster poderá empezar a impartirse no curso 2021/22”, detalla o vicerreitor.
Graos abertos, “mellor chegar ben, que chegar rápido”
O vindeiro curso 2020/2021 será o primeiro no que o SUG oferte graos abertos que combinan materias de, como mínimo, tres titulacións da mesma rama de coñecemento, non obstante a UVigo non porá en marcha esta opción hasta o curso 2021/2022, aínda que este ano varios centros da institución académica viguesa manifestaron o seu interese en ofertar tres destes graos, concretamente nos ámbitos da enxeñaría no campus de Ourense e nos de ciencias e humanidades en Vigo. “Os prazos foron moi xustos, e ademais foron cambiando no tempo por causa da situación creada pola COVID-19. A UVigo deixou en mans dos centros propoñentes a posibilidade de tentalo para o curso que vén, ou ben para o 2021/22 e en dúas desas propostas decidiuse xa de entrada esperar ao curso 2021/22, unha vez que a Universidade teña unha normativa que regule estes estudos, e co fin de ter tempo para a adecuada organización de todos os aspectos necesarios para a súa correcta implantación, como pode ser a coordinación dos horarios das titulacións participantes”, explica Ramos.
Pola súa banda, no caso da proposta de Grao Aberto en Enxeñaría do campus de Ourense, Ramos explica que os centros elaboraron toda a documentación para chegar a tempo este ano, “pero no último momento unha das escolas participantes non o aprobou na súa Xunta de Centro. Non obstante, non o consideramos un tema preocupante, aínda que nos gustaría ter participado, aínda que fora cunha das experiencias piloto xa o curso que vén, pero preferimos chegar ben que chegar rápido, e a organización necesaria non é sinxela”, salienta o vicerreitor. Ramos sinala que cara o curso 2021/2022 algún centro máis podería facer algunha proposta adicional e apunta que “persoalmente me gustaría que xurdira algunha iniciativa deste tipo no campus de Pontevedra. Ademais, cómpre sinalar que algunhas das titulacións que forman a oferta actual da UVigo xa comparten ata 90 créditos entre eles, polo que se configuran como ‘graos abertos’ desde o punto de vista práctico, aínda que non aparezan como oferta diferenciada na CIUG. É, por exemplo, o caso das sete titulacións de grao da Escola de Enxeñaría Industrial”, destaca Ramos.