«Vigo debe ter un edificio singular para a nova Biblioteca do Estado e esta é a nosa proposta, unha actuación pensada para os vindeiros 150 anos, no que tamén resolvemos a situación do Colexio Altamar e creamos unha gran zona cultural», sinalou Abel Caballero durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación para explicar o proxecto elaborado polos servizos municipais.
A nova Biblioteca do Estado, segundo a proposta avanzada polo rexedor, tería unha superficie construída de 6.000 m2 e unha superficie da parcela neta de 3.671 m2, ocupando os terreos da rúa Lalín no que o Concello de Vigo xa investiu 5 millóns de euros. Ademais, a Ágora Cultural contaría cunha superficie xa construída -o edificio vello dos xulgados- de máis de 18.000 metros cadrados.
Pola súa banda, o traslado do CEIP e a residencia Altamar, agora mesmo na rúa do Carme e dentro do perímetro do Centro Municipal de Deportes, pasaría ao inmoble dos novos xulgados, levantados hai dúas décadas para albergar a sede da Audiencia Provincial. Neste caso, a superficie construída é de 7.894 m2 e a superficie da parcela de 1.924 m2. De forma complementaria, disporía dunha parcela anexa de 2.207 m2, que expropiaría o Concello e que permitiría instalar a zona deportiva.
Ministerio de Cultura
«Na zona hai unha gran preocupación polo baleiro que quedará ao marchar os xulgados á Cidade da Xustiza, polo que esta é unha boa solución que trasladaremos de xeito inmediato ao Ministerio de Cultura e posteriormente á Xunta de Galicia, que terá que encargarse do traslado do colexio», sinalou Abel Caballero.
O Concello barallaba varias opcións pero decidiuse ao final por unha actuación que contempla grandes zonas verdes e facilita o acceso, na actualidade con moitas complicacións, a través dunha nova vía na zona traseira que partiría desde a rúa Lalín.
Ademais, segundo explicou Caballero, o baleirado da actual residencia permitirá ampliar as instalacións do Centro Deportivo Municipal das Travesas. No tocante á Agora Cultural, o alcalde explicou que estaría destinada a acoller o movemento cultural da cidade, desde asociacións a un auditorio para acoller eventos.