A proliferación de noticias falsas e boatos, informacións non confirmadas que se difunden publicamente, tense convertido nunha ameaza para a reputación de organizacións, empresas ou institucións e mesmo para o normal funcionamento dos sistemas democráticos. Isto contribuíu a que nos últimos anos fosen numerosas as investigacións que centradas nos efectos das fake news e a desinformación. Mais ata o de agora fora escasamente analizado o impacto que as noticias falsas teñen na esfera política autonómica e local, eixo do proxecto de investigación Fakelocal, coordinado polos investigadores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo, esta iniciativa foi seleccionada na convocatoria de Proyectos de Generación de Conocimiento de 2021, Mapa de la Desinformación en las Comunidades Autónomas y Entidades Locales de España y su Ecosistema Digital (Fakelocal) ten como obxectivo “identificar, medir e clasificar os principais asuntos ou temas da desinformación relacionada coa xestión das corporacións locais e comunidades autónomas”.
“Queremos ver o impacto que ten a desinformación a nivel rexional e local”, salienta Rúas, que incide en que esta é unha cuestión pouco estudada ata o de agora, a pesar de que “as crises por desinformación non só parten do ámbito global cara o local”, senón que poden darse tamén na dirección inversa, na que a difusión de ‘fake news’ e boatos céntrase en cuestións de interese local, “coa intención de expandirse”. Nese senso, entre os obxectivos dun proxecto que se estenderá ata 2025 figura realizar “un mapeo de actores e medios vinculados á desinformación local e autonómica en España”, así como identificar as “principais crises” derivadas da difusión de noticias falsas sufridas por gobernos autonómicos e municipais. Como recolle a súa memoria, tamén está previsto “avaliar o impacto e o alcance nas principais redes sociais dos boatos e informacións falsas vinculadas ás administracións públicas e as corporacións locais”, coa idea de definir estratexias e recursos que axuden a reducir “o impacto da desinformación” nestes ámbitos.
Para iso, Fakelocal conta cun equipo de traballo integrado por unha vintena de expertos e expertas, entre os que se atopan, xunto a Rúas e Fernández Souto, os investigadores e investigadoras do grupo CP2 (Comunicación Persuasiva) da facultade pontevedresa e o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Andrés Mazaira. No proxecto participan, así mesmo, investigadores e investigadoras das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Sevilla e Málaga, xunto con expertos da Central European University de Viena, a Universitá degli Studi de Milán e da Universidade do Porto.
“Mapear” a realidade da desinformación no eido local
Entre os traballos que desenvolverá este grupo de investigadores e investigadoras atópase a realización dunha enquisa aos responsables dos gabinetes de comunicación das 17 comunidades autónomas, dos 52 gobernos provinciais e das 65 cidades recollidas no ámbito de aplicación da Lei de Medidas para a Modernización do Goberno Local de 2003. Por outra banda, tamén se levará a cabo unha análise de contidos con diferentes ferramentas, co propósito de estudar o “impacto, sobre todo a través das redes sociais”, que poden ter as noticias falsas na esfera autonómica e local. O propósito destes traballos é tanto estudar a repercusión e alcance destas publicacións, como identificar as mensaxes “máis compartidas e comentadas”.
Nese senso, o proxecto busca “mirar, por unha banda, cara os que traballan coa comunicación institucional e, por outro, cara o impacto mediático”, subliña Rúas. Deste xeito, tratarase de definir un “mapa de situación” sobre a “xestión de desinformación en España”, que permita, por exemplo, recoñecer “que medios e fontes son fiables”, así como identificar as principais temáticas relacionadas coa xestión das corporacións locais e comunidades autónomas afectadas pola difusión de noticias falsas.
Dotar de ferramentas aos profesionais
Outro dos ámbitos nos que busca pór o foco Fakelocal, como explica Rúas, é na “formación en técnicas e ferramentas” relacionadas coa verificación de datos. Nese senso, a memoria do proxecto pon o acento na necesidade de “estender as competencias e funcións tradicionais dos gabinetes de comunicación das administracións locais ao combate da desinformación”, dado que “a auxe das noticias falsas afecta de maneira directa á reputación das organizacións”. Neste punto Rúas pon de relevo a capacidade para “desestabilizar” dos boatos e a incidencia que poden ter en procesos como os electorais. De aí que outro dos propósitos sexa analizar “o que poida acontecer nas eleccións municipais deste ano e ver en que medida nestes procesos circula desinformación sobre determinados aspectos”.
Partindo deste escenario, entre os obxectivos do proxecto figura tamén a elaboración dunha guía de boas prácticas que poida ser de utilidade tanto para as administracións públicas como para xornalistas. “A nosa intención é elaborar un manual con recursos e ferramentas básicas, tanto para os profesionais da comunicación como para calquera que queira contrastar unha información”, sinala Rúas. Isto, engade, conecta á súa vez esta investigación co proxecto DebaTRUE, que actualmente desenvolve o grupo de investigación CP2 e que ten como obxectivo “o desenvolvemento dunha aplicación online de loita contra a desinformación no debate político”.
Por outra banda, a participación en Fakelocal de investigadores de diferentes países permitirá levar a cabo un “estudo comparativo dos efectos da desinformación en corporacións locais de España, Italia, Francia, Alemaña e Inglaterra”. Ademais, o equipo de investigación traballa tamén coa Asociación de Televisións Rexionais Europeas (Circom), explica Rúas, “vendo cal é o impacto da desinformación entre os seus socios”.