No Día Mundial da Bicicleta, as asociacións A Golpe de Pedal, Verdegaia, ADEGA, Greenpeace Galicia e Ecoloxistas en Acción, co apoio da Coordinadora estatal ConBici, organizan este mércores (20.30 horas) unha cadea ciclista para reclamar un maior protagonismo da bicicleta na cidade como medio de mobilidade seguro, saudable e sostible.
As entidades convocantes consideran que a bicicleta debe ser un elemento estratéxico na mobilidade en Vigo durante a desescalada e no futuro inmediato porque non xera atascos, contaminación nin gases de efecto invernadoiro e permite ademais manter a distancia interpersoal. Como vantaxe adicional, pedalear con regularidade activa o corpo e reduce o risco cardiovascular, diabetes, hipertensión e outras enfermidades debidas ao sedentarismo. Por estas e outras razóns, moitas cidades no mundo comezaron a realizar plans de emerxencia para fomentar os desprazamentos en bicicleta coa fin de evitar un aumento do tráfico a motor sen precedentes por mor da desescalada, coas consecuencias derivadas para a saúde.
As organizacións asinantes cren imprescindible que en Vigo se implante unha rede de mobilidade ciclista, se declaren máis rúas residenciais (de prioridade peonil e límite 20 quilómetros por hora) en todos os barrios, se reduza a velocidade con carácter xeral a 30 quilómetros por hora no casco urbano para aumentar a seguridade de peóns e ciclistas e limitar o uso do coche ao imprescindible, se instalen estacionamentos seguros para bicicleta en puntos estratéxicos (edificios públicos, centros comerciais, polígonos industriais, escolas) e se creen verdadeiros nodos intermodais entre o transporte público (tren, bus e barco) e a bicicleta.
Ademais, consideran urxente poñer en marcha campañas de aprendizaxe e promoción da bicicleta como medio de mobilidade diario, universal, económico e ecolóxico (e non só vinculado ao ocio) dende un concepto de uso diverso e inclusivo, que achegue este medio de transporte de forma segura a crianzas, persoas adultas, maiores, homes, mulleres e persoas con mobilidade adaptada. Para isto emprazamos ao Concello de Vigo a crear canto antes unha Oficina da Bicicleta e dotala dun orzamento para a formación da mobilidade segura en bicicleta e para a promoción do seu uso.
«Todo isto por suposto sen esquecer que é fundamental o apoio do goberno estatal, que deber achegar orzamento específico aos concellos para medidas de mobilidade que potencien a bicicleta», expoñen.
Itinerarios
Por estes motivos, este mércores 3 de xuño as asociacións convocantes organizan en Vigo unha cadea ciclista para amosar que a bicicleta é unha grande aliada do Medio Ambiente, así coma unha grande aliada contra a Covid-19. Esta actividade encádrase dentro dunha acción promovida por ConBici, que vai ter lugar simultaneamente en moitas cidades do estado ás 20:30 horas da tarde respectando a seguridade sanitaria.
Esta cadea ciclista consistirá en tres itinerarios pola cidade (Leste, Centro e Oeste) que serán percorridos cada un por un grupo de 15 persoas para visibilizar a bici como alternativa de mobilidade segura, eficiente e sostible co planeta. Durante estes itinerarios realizaranse paradas ocupando treitos de calzada durante 15 minutos, como reivindicación para facilitar máis espazo á mobilidade activa e sostible na cidade.
Con estas cadeas, as asociacións convocantes queren amosar que a bicicleta é parte da solución da actual emerxencia sanitaria e climática, visibilizando a necesidade de promover o seu uso, así como a urxencia de habilitar infraestruturas específicas para unha mobilidade sostible en Vigo. Os itinerarios a realizar son:
● Itinerario 1: Paseo Alfonso XII, Pi i Margall, López Mora, Praza de América, Rúa Coruña, Tomás Alonso, Camilo Veiga, Rúa Tomás Paredes, Avenida Castelao, Praza América, Rúa Camelias, Paseo de Granada, Cachamuiña, Falperra, Paseo de Alfonso XII.
○ Ocupación carril en Paseo Alfonso XII, López Mora (xunto policía) e Camelias (entre Praza América e Praza Independencia)
● Itinerario 2: Praza de América – Fragoso, Rúa dos Olímpicos, Avenida de Citroën, Avenida da Florida, Rúa Caramuxo, Rúa Teixugueiras, Rúa Ufas, Pedra Seixa, Rúa Limpiño, Vía Servizo VG-20, Rúa Cañiza, Rúa Padre Seixas, Avenida Florida, Praza de América.
○ Ocupación de carril en Rúa Fragoso, Rúa Teixugueiras e Avenida da Florida.
● Itinerario 3: Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Sanjurjo Badía, Bos Aires, Travesía de Vigo, Vía Norte, Urzaiz, Colón, Uruguai, República Argentina, Policarpo Sanz, Porta do Sol.
○ Ocupación de carril en García Barbón, Travesía de Vigo e Vía Norte.
Por último, as asociacións ciclistas e ecoloxistas insisten na idea de que a mobilidade ciclista e peonil debe ser prioritaria e fundamental nos próximos meses e anos para contrarrestar a crise da Covid19 e a crise climática, sendo ademais «imprescindible» o reforzo do transporte público, tratado de xeito conxunto coa mobilidade a pé e en bicicleta.
En abril de 2018, a ONU declarou o día 3 de xuño como o día Mundial da Bicicleta e alenta a promover o seu uso como medio de transporte para fomentar o desenvolvemento sostible, promover a saúde, previr enfermidades, fomentar a tolerancia, o entendemento, o respecto e facilitar a inclusión social, entre outros moitos beneficios.