Normalidade e ausencia de incidencias na constitución das 3.922 mesas electorais que acollerán durante a xornada de hoxe as eleccións ao Parlamento Europeo en Galicia. A última mesa en constituírse foi en Ponteareas, pasados uns minutos das nove da mañá. Neste caso, a Xunta Electoral está analizando a prolongación da xornada.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, agradeceu o traballo de todas as persoas que colaboran hoxe para o normal desenvolvemento deste proceso e que suman máis de 21.000 entre a cidadanía que forma parte das mesas electorais, persoal das Delegación e subdelegacións do Goberno e das Forzas de Seguridade do Estado e policías locais.
As primeiras mesas en constituírse o fixeron ás 8 da mañá no Centro Cultural de San Paio (Crecente-Pontevedra), na Alianza Aresana (Ares-A Coruña), e nos baixos do grupo escolar de Xunqueira de Espadañedo (Ourense). A primeira mesa en constituírse na provincia de Lugo foi con Centro Social de Toimil, en Xove.
Ourense foi a primeira provincia en ter constituídas as súas 531 mesas electorais coa mesa da Escola de Ganade, en Xinzo de Limia. Lugo pechou a constitución das súas 527 mesas coa da Escola de Carracedo, no Concello de Láncara. A Coruña pechou a constitución das súas 1.517 mesas coas do CEIP Victor López Seoane, na cidade da Coruña
Datos electorais en Galicia
Nestas eleccións poderán participar 2.702.442 galegos e galegas, dos que 109.690 o farán por primeira vez nunhas eleccións europeas ao ter cumprido os 18 anos desde a última cita deste proceso. Do total, 7.459 son persoas cidadás da Unión Europea residentes en Galicia e 480.221 representan a galegos e galegas que viven fóra das fronteiras españolas.
En canto á loxística, Galicia conta con 3.922 mesas distribuídas en 2.337 locais electorais. Estas mesas son atendidas por 11.766 persoas elixidas por sorteo. A estas hai que sumar os 311 empregados e empregadas da Delegación do Goberno e das subdelegacións que durante esta xornada están atendendo as incidencias e os 2.547 representantes da Administración nos colexios electorais, que son as persoas encargadas de dar a coñecer os resultados finais das votacións e os datos de participación ao longo da xornada.
Ademais, para garantir que o dereito a voto se exerza en Galicia con normalidade, o Goberno desprega máis de 7.000 axentes: 2.101 da Policía Nacional; 4.278 da Garda Civil e 996 da Policía Local.
Resultados
Haberá dous avances de participación: ás 14 e ás 18 horas. Ás 20 horas pecharanse as mesas e empezará o escrutinio, sumando os votos efectuados en mesa coa incorporación dos votos emitidos por correo. Os representantes da Administración presentes nas mesas realizarán a comunicación dos resultados de cada mesa. A partir das 23 horas poderanse consultar os datos provisionais a través da web de resultados das eleccións ao Parlamento Europeo e da aplicación móbil habilitada polo Ministerio do Interior.