«É unha nova liña nocturna de Vigo ao aeroporto en transporte urbano, feito e financiado desde o Concello», informou este martes o alcalde, Abel Caballero, un día despois de que o novo Vitrasa fose estreado para recoller aos viaxeiros do último voo de Madrid que chega ás 23:20 horas.
O autobús foi utilizado por oito persoas na súa primeira viaxe e ademais o servizo esperou á chegada do avión, que aterrou en Vigo con atraso. «A esa hora xa non hai autobuses, polo que decidimos poñer unha liña que cubrise o voo», indicou o rexedor.
Caballero tamén lembrou que a Xunta ten un transporte similar para o aeroporto de Santiago ao que lle dedica 340.000 euros e lamentou que a administración autonómica rexeitase o convenio para poñer en marcha un transporte similar en Vigo. «Seguiremos a potenciar o transporte urbano ao aeroporto e o seguiremos a financiar desde o Concello», aseverou.