Con este programa de visitas preténdese animar aos cidadáns a coñecer os valores destes enclaves naturais fóra da tempada de verán, nunha época de menor afluencia, e na que se descobre os seus valores dende outro punto de vista. Estas visitas fanse con grupos reducidos coa fin de poder ofrecer a máxima calidade de visita a este espazo protexido.
A primeira das actividades, que leva por título «Unha viaxe no tempo», está programada para o día 14 de febreiro e o destino é o arquipélago de Cíes. Trátase dunha ruta lineal de dous quilómetros, na que poderán participar un máximo de 40 persoas. A previsión é saír do porto de Vigo ás 10:30 horas, para chegar ás 18:00 horas ao mesmo punto. Non obstante, as persoas interesadas en participar deben inscribirse antes do 10 de febreiro.
As outras catro rutas son: o 22 de febreiro ao arquipélago de Sálvora, o 7 de marzo a Ons, e por último, á illa de Cortegada con dúas visitas, o martes 5 e o domingo 15 de marzo.
Solicitudes
Todas aquelas persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades deberán enviar una solicitude ao enderezo electrónico do parque (guias.itlanticas@xunta.es) ou se pode presentar nas oficinas do parque nacional con todos os datos cumprimentados. Non se admitirán solicitudes incompletas. A descarga das mesmas pódese realizar na web do Parque Nacional (www.parquenacionalillasatlanticas.com) no apartado de actividades.
As prazas cubriranse por estrito orde de chegada e só poderán asistir participantes maiores de 12 anos. Aqueles que teñan idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos deberán ir acompañados dun adulto, e por cada adulto participante, admitiranse como máximo dous menores ao seu cargo.
A actividade será gratuíta na illa, pero cada persoa participante debe asumir o desprazamento ata o porto de saída e o transporte ao arquipélago, que deberá ser abonada antes de comezar o servizo.
No caso de non poder asistir á actividade deberase avisar, como máximo de dous días antes da realización da ruta, co fin de poder chamar a outras persoas interesadas que se atopen na lista de espera.
Co ánimo de preservar os valores das illas e ofrecer unha atención o máis personalizada posible, estipúlase un número máximo de participantes. Tamén se advirte que a excursión pode adiarse ou quedar anulada se as condicións meteorolóxicas son adversas.