O Bloque Nacionalista Galego volveu urxir o Goberno municipal de Vigo a actuar diante do que cualifican como «desastrosa xestión» das pistas de atletismo de Balaídos. Critican as trabas «inxustificadas e absurdas» que se lle impoñen ás persoas que queren practicar atletismo na cidade e denuncian os efectos da privatización da xestión das pistas.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou «inaceptábel que o maior e máis importante obstáculo que teñan que sortear os e as atletas en Vigo sexa o desleixo e o abandono que sofren por parte do Goberno municipal de Abel Caballero».
Igrexas responsabiliza o Goberno local da situación de caos que se vive na pistas de atletismo de Balaídos, e que xa foi denunciada pola fronte nacionalista o pasado mes de xullo. Neste sentido, reiteran as súas críticas pola falla de mantemento das instalacións que as fan «impracticábeis» e as deficiencias reiteradas no sistema de reserva de uso das propias pistas.
«Temos un aplicativo web para reserva das instalacións que está máis tempo caído que operativo, o que provoca situacións dantescas como as vividas en datas recentes, nas que a policía local tivo que desaloxar a deportistas que querían acceder mentres as pistas só eran utilizadas por 30 das 150 persoas que ten como capacidade autorizada», sinalou Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista insistiu tamén na «irracionalidade» de manter a esixencia de ficha federativa para poder facer uso das pistas de atletismo. Un requisito que non se aplica noutras instalacións deportivas municipais como as piscinas. Para o BNG a situación das pistas evidencia o «maltrato» que o Goberno de Abel Caballero aplica contra os e as atletas da cidade, e que ten por causa a «nula xestión da concellaría de Deportes dirixda polo edil Manel Fernández», a quen esixiu unha «rectificación urxente».