A CIG-Saúde de Vigo desenvolveu este xoves unha concentración diante do centro de saúde da Doblada para esixir que non se elimine a praza da celadora en quenda de tarde pola xubilación da traballadora que até o de agora ocupaba ese posto.
Na protesta, que tivo lugar ao berro de «Non, non, non á amortización!» ás portas do centro médico a partir das 11:30 horas, participaron delegados sindicais e traballadores. Segundo denuncian dende a central sindical, a intención da Xerencia da área sanitaria de Vigo é reconverter esa praza en Persoal de Servizos Xerais (PSX).
«Diante disto, remitímoslle un escrito á Xerencia para amosarlle o noso rexeitamento e solicitándolle que manteña a praza de celadora, xa que neste centro, como noutros de similares dimensións, son perfectamente compatíbeis estas dúas categorías laborais», explican.
Ao mesmo tempo, anuncian que continuarán coas mobilizacións para frear a intención da Xerencia de eliminar os postos de celador no servizo de Atención Primaria.