A parroquia viguesa de Teis acolleu este xoves unha concentración e unha manifestación para solicitar ao Concello de Vigo a reforma das piscinas municipais. Preto de 300 persoas, segundo informou a asociación de veciños convocante, participaron na mobilización polas rúas da parroquia, para reivindicar do Concello de Vigo a recuperación de dúas psicinas: a de Teis e a da ETEA.
O colectivo lembrou que a piscina municipal da parroquia está pechada despois do incendio do pasado 28 de maio de 2022. Así, a asociación solicitou unha xuntanza co concelleiro de Deportes, Manel Fernández, para tratar a situación, demandar ao goberno municipal o inmediato inicio das obras da reforma da piscina e que se informe duns prazos reais para a apertura da piscina. «Pero non houbo ningunha xuntanza», sinalaron nun comunicado.
«Esta piscina leva pechada case 10 meses, co prexuízo que isto provoca para os 1.500 usuarios desta instalación deportiva (piscina e ximnasio), que agora teñen que desprazarse a outras instalacións municipais, como Lavadores e As Travesas», engaden.
Ademais, aseguran que no ano 2017 o goberno municipal decidiu cubrir a piscina da ETEA para destinala a pista de ximnasia, pero incluíndo un sistema que no futuro permitirá poder recuperala. «Desde a asociación defendemos que é o momento de recuperar a piscina da ETEA, pois hai demanda en Teis e na cidade. Se estivera funcionando na actualidade podría perfectamente cubrir a demanda da veciñanza de Teis, que agora ten que desprazarse polas diferentes instalacións deportivas da cidade», apuntan.
Por útimo, sinalaron que en setembro de 2002, o alcalde xa anunciou que se ía destinar un millón de euros para reparar a piscina municipal de Teis, pero «a día hoxe aínda non comezaron as obras na piscina e non hai ningunha data para o inicio das mesmas. Onte fai o mesmo anuncio, pero queremos feitos».