O Pleno da Corporación Municipal celebrado este mércores acordou modificar o uso dunha parcela de 1.500 metros cadrados situada en Esturáns, cerca de Tomás Alonso, na que o Concello de Vigo prevé construír un novo parque de bombeiros que substituirá ao emprazado nos baixos do estadio de Balaídos.
A concelleira de Urbanismo explicou que o terreo e a tramitación administrativa reúnen as condicións necesarias e inclúe un informe do xefe do servizo de Bombeiros de Vigo que avala o espazo polo seu tamaño e localización.
No debate político, os concelleiros Xabier Pérez Igrexas (BNG) e Rubén Pérez (Marea de Vigo) abstivéronse na votación e pediron coñecer os estudos técnicos que amparan esta localización. Polo grupo municipal do PP, Jesús Marco cualificou a proposta de “ocorrencia” e “castigo” aos bombeiros e asegurou que non cumpre cos requisitos nin por tamaño nin por lugar.
A concelleira de Urbanismo aclarou que o expediente conta cos informes preceptivos de seguridade e do xefe do servizo dos Bombeiros de Vigo, que apoian a proposta. Caride afirmou que o espazo é “axeitado” e lembrou que o proxecto concreto ten que elaborarse despois da modificación aprobada este mércores. Ademais, engadiu que existen recursos económicos para afrontar a obra nos orzamentos desde mesmo ano.