Vigo abriu este xoves o prazo de solicitude das becas de comedor, libros e material escolar do vindeiro curso. O Concello atenderá mediante cita previa –que se pode obter no teléfono 010 ou na web municipal- a un total de 160 persoas diarias para tramitar as peticións.
Na casa consistorial habilitaranse cinco postos para ir dando saída ás xestións de aquí ata o 22 de xullo, día no que remata o período de solicitudes. Tamén poden rexistrarse as solicitudes por internet, a través da carpeta cidadá con certificado dixital.
O Concello de Vigo rexistrou en 2019 un total de 4.192 solicitudes e concedeu 3.255 becas de comedor e 1.356 de libros e material escolar cun importe de 1,35 millóns de euros. Ademais, durante a pandemia a administración local dedicou 391.500 euros en axudas directas ás familias por este mesmo concepto.