Vigo contará cun servizo exclusivo para atender a todas aquelas persoas que queiran empadroarse na cidade. Ante o aumento da demanda, o Concello decidiu abrir un punto físico dedicado tan só a estas solicitudes, mentres que as outras tres xanelas actuais atenderán os trámites de renovacións, modificación de datos persoais e cambios de residencia.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores de que o Concello abrirá de forma inmediata un novo servizo para o empadroamento cun punto físico de atención ao cidadán na lonxa do edificio consistorial.
“Observamos polas solicitudes que Vigo é unha cidade moi demandada para vivir, primeiro en términos de capacidade social e porque é unha cidade fermosa, tamén por ámbito económico e terceiro pola calidade de vida”, sinalou o rexedor durante a súa comparecencia en rolda de prensa. Así, explicou que o goberno local abrirá os próximos día un novo dispositivo de empadroamento cunha fiestra exclusiva para as novas altas de persoas nacidas en Vigo, altas procedentes de outros municipios e altas procedentes de outros países. Pola súa banda, os tres puntos que funcionan actualmente centraranse en renovacións (ou confirmacións), modificación de datos persoais e cambios de residencia dentro do mesmo municipio.
Caballero engadiu que os datos do padrón en Vigo a xaneiro de 2020 apuntan a que a cidade superou por segunda vez na súa historia os 300.000 habitantes e a falta da confirmación do Instituto Nacional de Estatística (INE), a cifra situase en 300.395 veciños. En xaneiro de 2019 había 297.091 persoas empadroada e en xaneiro de 2018 foron 298.054.