O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca ás Rías Baixas como unha potencia turística de primeiro nivel pola calidade dos seus servizos, polos atractivos para o visitante, porque ten na natureza e na auga a súa principal fortaleza e na súa folla de ruta a sustentabilidade e porque ten un futuro prometedor rexido por un novo plan estratéxico para o turismo.
Fíxoo durante a celebración da Gala Provincial do Turismo celebrada esta tarde de mércores no Pazo Los Escudos de Vigo, na que case 182 entidades relacionadas co sector renovaron ou adquiriron por primeira vez o distintivo de “Compromiso de Calidade Turística” do Sistema Integral en Calidade Turística Española en Destino (Sicted), do que forman parte preto de 400 entidades da provincia.
“O turismo é a industria da felicidade e as entidades que acaban de ser distinguidas con este selo representan a elite dun sector que tira da nosa economía”, afirmou o mandatario provincial.
O titular do goberno provincial aproveitou o encontro cos profesionais do sector na provincia para avanzar un novo paso adiante na tramitación do citado plan estratéxico para o turismo que pasa pola convocatoria das mesas de traballo a finais deste mes de abril para a redacción do documento.
“Temos o obxectivo de sumar todas as ideas, todas as visións e todas as achegas para que este plan sexa de todos”, sinalou o dirixente remarcando o compromiso da Deputación de tender pontes co tecido empresarial e asociativo do turismo na provincia.
“Por difícil que sexa estar á altura dun dos mellores sectores turísticos de España, xa vos adianto que este goberno da Deputación porá todo o seu empeño en que vos sintades escoitados, comprendidos e atendidos”, engadiu Luis López.
A gala, á que asistiron, ademais da vicepresidenta Luisa Sánchez e a deputada de Turismo Nava Castro; os deputados José López, María Ramallo, Isabel Couselo, Alejandro Lorenzo, Roberto Álvarez, Marcos Guisasola, Javier Tourís e Jesús Vázquez Almuíña; estivo conducida pola xornalista Susana Pedreira e contou coas actuacións da bailarina Eva Comesaña, así como dos grupos musicais Xurxo Fernandes e Pan sen Fron e Eladio e os Seres Queridos.
“Temos un sector competitivo, comprometido coa calidade e firmemente implicado para potenciar a excelencia das Rías Baixas como destino turístico”, afirmou a deputada Nava Castro na apertura do acto.
Baixo a mirada de representantes de boa parte dos concellos, de membros das entidades do sector coas que colabora a Deputación e persoas do tecido empresarial e asociativo da provincia, foron entregándose os galardóns cunha estrutura dividida en sete bloques temáticos relacionados con algúns dos atractivos turísticos da provincia, como a costa, a natureza, o deporte, a gastronomía, a historia, o termalismo ou as celebracións.
En concreto, son 182 as entidades que xa locen estes distintivos do Sicted no seu currículo, das cales 24 conquistárono este ano por primeira vez.
“As Rías Baixas somos nós”, defendeu Luis López para resumir a fortaleza da provincia de Pontevedra como potencia turística. “A diferenza do resto de persoas, nós non imos ao destino, porque nós xa somos o destino. Representamos con orgullo un estilo de vida, unha forma de estar no mundo e un sentimento de pertenza a un territorio singular, hospitalario e infinito. Pontevedra é desfrutar”, explicou o presidente citando “experiencias 100 % Rías Baixas” como camiñar pola area branca da praia de Rodas, un solpor na Lanzada, as camelias de Soutomaior, unha xuntanza familiar cun viñedo de fondo, un brinde con albariño desfrutando da gastronomía local ou un recordo dalgún festival do RiasBaixasFest.
Neste sentido, o dirixente provincial agradeceu o traballo do sector turístico para axudar a descubrir “quen somos, como somos e que nos diferencia dos demais a través dos ollos impresionados de tantos viaxeiros. Entre pensar como antes que o mellor sempre estaba lonxe e afirmar como hoxe que non temos por que compararnos con ninguén, hai un responsable: chámase turismo de calidade 100% Rías Baixas”, valorou López.
Líderes en distintivos de calidade
A sustentabilidade do destino foi outro dos aspectos que remarcou Luis López como elemento diferenciador, identificador e decisivo para as Rías Baixas. “Para nós a sustentabilidade non é unha moda nin un concepto baleiro, é unha necesidade. E cada vez que apostamos por ela recibimos datos que nos din que imos na boa dirección”, sinalou facendo referencia á provincia con máis distintivos Q de Calidade e Sicted de España, aos récords en números de peregrinos, ao incremento de visitantes no Museo de Pontevedra ou nos castelos de Soutomaior e Sobroso ou á consecución de sete estrelas Michelin, ser noticia en National Geographic ou ser o destino favorito en Booking.
Unha riqueza natural na que a auga, fío condutor da campaña de turismo da Deputación, xoga un papel fundamental. “A auga é un patrimonio que nunca podemos dar por feito. Nin sequera cando cae en abundancia como nestes últimos meses. Se ten que ser un reto, que sexa sempre pola abundancia e nunca pola escaseza, como ocorre por desgraza noutras partes de España. Para nós a auga é unha oportunidade“, proclamou o presidente facendo un chamamento á responsabilidade social para “valorar e coidar” esta riqueza.
“O teito do turismo vaino rachar a sustentabilidade”
Neste senso, Luis López rexeitou a dicotomía entre o progreso do turismo e a sustentabilidade, un enfoque, afirmou, erróneo: «O teito do turismo vaino rachar a sustentabilidade», dixo, pois a marxe de crecemento reside na creación de novos produtos turísticos máis diversificados, desestacionalizados e respectuosos coa contorna social e natural.
Eses novos produtos turísticos aos que se referiu o presidente están relacionados co aumento do orzamento consignado ao Turismo, coa participación de grandes eventos nacionais e internacionais de promoción do destino, coa implantación da intelixencia artificial e a xestión de datos para axudar aos concellos, coa explotación das praias como escenarios para propostas familiares ou deportivas que contribúan a desestacionalizar o destino e á alianza con outros territorios a través de programas novidosos como “Praias Infinitas”, coa promoción da cultura a través do apoio aos festivais como, por exemplo, O Marisquiño ou PortAmérica; co investimento de 1,5 millóns de euros no Castelo de Sobroso e a potenciación do de Soutomaior ou co apoio á organización de eventos deportivos como o Gran Camiño, a final das World Series de Tríatlon ou os partidos das seleccións españolas de fútbol e balonmán.
Vigo, como exemplo das fortalezas das Rías Baixas
Finalmente, Luis López tamén argumentou por que Vigo foi o escenario escollido para celebrar o bo momento que atravesa o turismo na provincia. “É fácil falar do encanto do noso destino cando un pode sinalar co dedo unha das súas xoias: as Illas Cíes; é fácil reivindicar a beleza das Rías Baixas cando nos acolle unha das máis fermosas: a de Vigo; e é fácil seleccionar Vigo como sede desta gala, porque esta cidade sempre é unha opción triunfadora cando se trata de falar da nosa pegada turística, económica e social no resto de Galicia, de España e do mundo”, rematou o presidente da Deputación.