Uncover, o proxecto europeo que busca detectar mensaxes e datos ocultos enviados por criminais e terroristas en todo tipo de documento dixital multimedia, celebra esta semana a súa reunión anual en Vigo. Axencias de seguridade, centros de investigación, institutos forenses e empresas de nove países europeos danse cita para avaliar os avances neste proxecto.
Fernando Pérez-González e David Vázquez Padín, do Centro de Investigación de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, lideran ao único grupo académico español que forma parte de Uncover, composto por 22 socios entre os que se atopan tamén -pola parte española- a Ertzaintza, o centro tecnolóxico galego Gradiant ou a empresa alacantina Ethical&Legal Plus, responsable dos aspectos éticos e legais do proxecto; todos eles coordinados pola Real Academia Militar de Bruxelas.
Segundo explican Fernando Pérez e David Vázquez, «estase a desenvolver unha ferramenta na que empregando a intelixencia artificial poidamos detectar mensaxes en arquivos multimedia de grupos terroristas ou mesmo de pederastas” que, empregando a técnica da esteganografía, envían mensaxes ocultas imposibles de percibir a simple vista. “As forzas de seguridade dos Estados son os destinatarios das ferramentas nas que estamos a traballar que deberán funcionar no mundo real coa mesma eficacia que o fan nun laboratorio. O obxectivo é que o algoritmo debe estar adestrado para poder analizar calquera disco duro ou comunicación á que teña acceso a policía”.
Uncover ten un financiamento de 7 millóns de euros en tres anos dentro do programa Horizonte 2020. Tras un ano de traballo, a de Vigo é a segunda reunión presencial á que asisten todos os membros do consorcio.
O Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións, GPSC, do que forman parte os investigadores Fernando Pérez e David Vázquez, posúe unha ampla experiencia na análise forense de arquivos multimedia, de aí que fose un dos grupos de investigación europeos seleccionados das oito universidades europeas e centros de investigación que participan. Produto deste coñecemento é Fawrensian, unha ferramenta capaz de verificar un millón de arquivos ao día e detectar falsificacións tanto en documentos de identidade como tarxetas bancarias, principalmente, en transaccións vía móbil ou web.
Pola parte das forzas de seguridade, forman parte de Uncover, entre outros, a policía dos Países Baixos, o Ministerio do Interior de Francia ou a Oficina Nacional de Investigación de Finlandia. Debido aos obxectivos do proxecto, todos os socios do consorcio deben seguir estritas medidas de seguridade e confidencialidade.
O catedrático da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Fernando Pérez, fundou hai 25 anos o Grupo de Procesado de Sinal e Comunicacións cuxa competencia está avalada polos máis de setenta traballos publicados en cabeceiras científicas internacionais e a ducia de patentes internacionais acadadas. En 2021, este grupo recibiu o recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias por un traballo para protexer a información de ordenadores ante un posible ataque cuántico.