O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres de que o vindeiro luns se adxudicarán os traballos de execución dos novos accesos á estación de Urzaiz, é dicir, o túnel de saída á autoestrada desde a rúa Lepanto, as conexións viarias da AP-9 coa estación deseñada por Thom Mayne e a terminal de autobuses, instalacións e balizamentos, e a eliminación do paso elevado de Alfonso XIII.
Será o luns nunha sesión extraordinaria do goberno local cando se adxudiquen estas obras, que contan cun orzamento total que supera os 11,8 millóns de euros, dos que ADIF paga o 74,2%, o Concello de Vigo o 21,2% e a Xunta de Galicia, o 4,6%. Tamén se adxudicará o luns o plan de seguridade e saúde destas obras, cun orzamento de 120.000 euros.
Segundo informou Caballero, a previsión é que tamén se adxudique o luns a obra de humanización dos chamados espazos intersticiais, as zonas situadas entre a futura estación de autobuses, a do AVE e as remodelacións dos accesos á autoestrada. O orzamento supera lixeiramente os 1,2 millóns de euros para abrir “uns 4.000 metros cadrados de espazos verdes”, tal e como afirmou Abel Caballero. A obra contempla novas redes de abastecemento, pluviais, rego, saneamento e telecomunicacións, novo mobiliario urbano, arborado e xardinería e nova iluminación pública.
Caballero lamentou que non sexa posible adxudicar tamén a remodelación da Praza da Estación, porque “estamos pendentes do informe de Patrimonio da Xunta que vai cunha lentitude exasperante”, sinaulou. Os traballos que se prevén adxudicar o luns forman parte do convenio asinado o pasado sábado con ADIF e coa Xunta de Galicia, por importe total de 21,4 millóns de euros.
Convenios
Na xunta de goberno local celebrada este xoves, o Concello deu luz verde a catro convenios con entidades de distinto cariz, por importe total de 42.000 euros. Segundo citou o primeiro edil, aprobouse o convenio con Anhida para colaborar con 4.000 euros nos seus gastos de mantemento e alugueiro do seu local, outro acordo coa Asociación de Persoas Xordas de Vigo para apoiar con 7.000 euros a contratación dun intérprete de lingua de signos, e un terceiro coa Federación de Peñas Recreativas El Olivo, por 15.000 euros, para cooperar con eles no desenvolvemento da súa actividade.
Por último, o goberno vigués validou o convenio coa Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos de San Miguel de Bouzas, por importe de 16.000 euros para conservar e difundir a cultura mariñeira e as cinco embarcacións tradicionais de titularidade municipal: unha traíña, un bote polbeiro, unha gamela coruxeira, un galeón e unha dorna de tope.