A Xunta de Goberno aprobou este xoves o proxecto de humanización da Avenida de Europa que inclúe carril bici con medianeira e zonas verdes, na marxe dereita do tramo comprendido entre Tomás Paredes e a Avenida de Samil. Segundo o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a nova avenida será “un bulevar urbano”.
Caballero apunta que “gran humanización” desta vía ofrecerá “unha nova dimensión de Vigo, nunha zona moi empregada, zona de paseo en inverno e de tránsito no verán, zona de expansión, zona verde e carril bici” cun prazo de execución de 22 meses de obra e seis meses de expropiacións para un importe total de 4,3 millóns de euros.
A actuación presenta unha solución que se desenvolve pola mesma marxe que está previsto o carril bici, pero cun ancho de 7 metros cun carril segregado ciclista de maior ancho. As actuacións contemplan a retirada de mobiliario existente, sinais, postes de alumeado e tendido eléctrico, a demolición de muros existentes, dos pavimentos, soterramento do tendido eléctrico, iluminación, redes de telefonía, canalización semafórica e rede de rego así como a renovación completa do colector de saneamento na vertente cara Tomás Paredes. Na outra vertente renovaranse os sumidoiros e pozos e a recollida de acometidas novas.
A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde á proposta de aprobación do proxecto de humanización da rúa Penís de Abaixo por un importe de 78.000 euros en 200 metros de lonxitude. Quedou aprobada tamén a proposta de aprobación do proyecto de humanización da rúa Estrada da Balsa, en Matamá, por un importe de 206.000 euros e un prazo de execución de 3 meses. O proxecto contempla a construción duns 380 metros de cebreado de ancho medio de metro e medio para tránsito peonil na marxe esquerda da rúa e un tramo de 70 metros no que se fará unha beirarrúa e se instalarán separadores de carril, amais da canalización de pluviais e iluminación exterior.