O Goberno de Vigo aprobou este venres o proxecto de humanización das rúas Julia Minguillón e Vista Alegre, que ten un importe de 1.071.000 euros. As obras inclúen a renovación do pavimento, nova rede de abastecemento, rede de saneamento separativa, nova rede de alumeado e de rego e nova xardinería e mobiliario urbano mantendo o arborado existente.
Na rúa Vista Alegre vai retirarse o muro existente, establecendo zonas verdes ata o parque María Xosé Queizán e farase unha zona de tránsito exclusivo de peóns. O prazo estimado de execución das obras é de seis meses.
Ademais, deuse o visto e prace a 22 proxectos de reforma do firme en rúas das parroquias por un importe total de 1 millón de euros, que se realizarán con cargo ao convenio asinado coa Deputación de Pontevedra.
Concretamente, estes traballos acometeranse no Camiño Outeiro, Camiño da Barxa, Camiño do Vilar, rúa Castro e rua Moo (Matamá); Camiño da Sorrego, rúa Sanguiño, rúa Loureiro e rúa Gondarisco (Cabral); Baixada Pontillón, Camiño do Carro, Camiño do Monte e Camiño Centieira (Castrelos); Avenida de Galicia, Camiño da Traída de Augas e Camiño De Paraixal de Arriba (Teis); rúa Tarrío de Abaixo e Camiño Longra (Coruxo); rúa Canabido e Camiño Esteriz (Oia); Camiño Gándara (Saiáns) e rúa Salgueiro (Candeán).