A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de rehabilitación do edificio situado en Rúa Alta 23 para construír nel o novo Centro de Formación. A actuación ten un investimento de 693.360 euros, cunha superficie total construída de 409 metros cadrados e un prazo de execución de 8 meses. “O centro estará dedicado a dar formación a persoas que necesitan actualización e adaptación a novos oficios”, sinalou este venres o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
O rexedor destacou que o Concello de Vigo “continúa coa súa aposta” pola rehabilitación do Casco Vello e investirá cerca de 700.000 euros na recuperación de dúas ruínas situadas entre a Rúa Alta e a Praza de Pescadores.
O Concello de Vigo aprobara o pasado mes de setembro un procedemento de adquisición directa da parcela do número 6 de Praza de Pescadores e a indemnización ao ocupante do inmoble, un coñecido local de hostalería (Edra). O edificio é lindeiro co de rúa Alta. Con esta nova dotación preténdese poñer en marcha procesos de inclusión social para dar formación a persoas en situación de risco e con necesidade de emprego.
O centro, financiado con fondos FEDER da UE dentro do programa EDUSI, disporá de salas destinadas a impartir cursos de carácter multidisciplinar, realización de itinerarios de inserción laboral destinado fundamentalmente a colectivos e persoas en risco de exclusión.
Do mesmo xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a proposta de Área de Rehabilitación Integral (ARI) para os grupos de Beiramar, Espiñeiro, San Pablo e San Roque. A proposta será remitida ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a súa aprobación definitiva, o que permitirá recibir achegas do Plan Estatal de Vivenda.
En total, trátase de 807 vivendas agrupadas en 100 bloques de edificios cunha superficie de 51.827 metros cadrados. Estas novas catro ARI sumaríanse ás xa existentes na cidade: Casco Vello, Bouzas, Santa Clara e Coia -rúas Bueu e Moaña -, estas dúas últimas incorporáronse neste ano 2019.