O Pleno municipal deu luz verde definitiva á ordenanza municipal da auga que permitirá o cobro por consumo. «Esta modificación permitirá atender aos principios de uso eficiente da auga, consumo responsable, equidade e transparencia», segundo detallou o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros. Desde as bancadas da oposición, tanto PP coma Marea e BNG criticaron duramente a modificación ao entender que o cambio non beneficia aos cidadáns. O novo recibo entrará en vigor no segundo semestre do ano.
A modificación da ordenanza da auga recibiu este mércores o aval definitivo do Pleno municipal o que permitirá aplicar o cobro por consumo ademais de garantir o servizo de abastecemento para toda a cidade. Logo de recibir o informe favorable da Comisión de Prezos de Galicia e tan só unha ducia suxestións cidadás, a Corporación municipal aprobou definitivamente un cambio da ordenanza, que atende aos principios de uso eficiente da auga, consumo responsable, equidade e transparencia, de forma que o novo recibo identificará tanto os tramos fixos (abastecemento, sumidoiro e depuración) como o consumo variable.
Segundo detallou o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, a modificación establece un prezo de tan só 7 céntimos por cada 100 litros de auga por persoa e día (incluídas as actividades comerciais), ademais de introducir unha bonificación do 50% da cota fixa para as persoas en situación de vulnerabilidade económica o familiar que permitirá que 4.000 persoas se beneficien desta medida. En terceiro lugar, mellórase a condición dos edificios con auga centralizada porque deixarán de pagar como se fose un uso industrial e poderán acollerse á tarifa doméstica. Con estas medidas, a previsión é que se o consumo se mantén neses 100 litros por persoa e día, o recibo se manteña ou incluso baixe. Dado que a tarifa é progresiva, tan só pagarán máis aqueles usuarios que fagan un uso intensivo da auga para fins como encher piscinas o rego de xardíns ou aquelas actividades que fagan un uso intensivo da auga e non teñan un sistema de reciclaxe axeitado.
Na sesión plenaria desta mañá, esta modificación contou co voto favorable do grupo socialista e coa oposición do resto das forzas políticas que coincidiron ao sinalar que o cambio responde a un intento de favorecer á empresa concesionaria do servizo.