A Xunta de Goberno Local de Vigo deu o visto bo ao expediente de contratación do servizo de conservación e reposición das zonas verdes e axardinadas da cidade. As dúas principais novidades son o incremento do persoal do servizo e o aumento nun 10% das superficies atendidas, dado que se recollen as novas zonas humanizadas da cidade.
O concurso público ten un importe de 34.237.000 euros e unha vixencia de cinco anos. A tramitación estivo parada uns meses pola situación de emerxencia sanitaria, polo que se prorrogou o actual contrato ata que entre en vigor a nova adxudicación. Trátase dun contrato armonizado que xa foi publicado no boletín da Unión Europea.
Segundo a información facilitado polo Concello, Vigo conta con 11.355 árbores en beirarrúas, aos que hai que sumar uns 800 tendo en conta que os exemplares incluídos en xardineiras, como ocorre por exemplo en Camelias, non entran neste reconto. En canto ao total de espazos de xardineiras, aumentan a case 11.000 metros cadrados respecto ás 5.000 do anterior contrato.
As zonas verdes singulares suman 795.000 metros cadrados, que inclúen a Praza de Compostela, a contorna do Paseo de Alfonso, Parque do Castro, Castrelos, Parque da Guía, Samil, Zonas húmidas da Bouza e Parque Barreiro e o Paseo do Lagares. Os parques forestais incorporados ao contrato teñen unha superficie total de 837.000 metros cadrados: A Guía, A Madroa, Beade, Bembrive, O Cepudo-Valadares, Coruxo, Monte dos Pozos, Saiáns, San Andrés de Comesaña, San Miguel de Oia, O Vixiador-Candeán e Zamáns.
Pola contra, neste novo contrato non se inclúen as pistas deportivas situadas en zonas verdes que pasarán a formar parte do mantemento doutras zonas.