A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este xoves o proxecto de obras de urbanización dos espazos intersticiais da estación do AVE. O orzamento de licitación é de 1.227.650 euros e o prazo estimado das obras é de 14 meses.
O obxecto da obra consiste en transformar os espazos anexos situados entre a futura estación de autobuses, a estación de tren, o centro comercial Vialia e a remodelación dos accesos e a AP9 converténdoos nun espazo público e urbano de calidade. Así, o proxecto contempla que as zonas sexan humanizadas con áreas verdes e de recreo.
A actuación inclúense dentro da addenda ao convenio entre Adif, Concello e Xunta. Este convenio a tres bandas dispón que o 74 por cento do gasto corresponda a Adif, o 21 por cento ao Concello e o 4 por cento restante á Xunta de Galicia. Ademais, a licitación dos accesos xa foi aprobada o pasado mes de outubro cun importe de 11,8 millóns de euros cun prazo de execución de 17 meses.
As obras de accesos á nova estación de Urzaiz inclúen tamén o túnel de saída da rúa Lepanto á AP9, a conexión da AP9 co centro Vialia e coa estación de autobuses, a entrada e saída da autoestrada, instalacións e balizamentos. Neste caso o orzamento de licitación é de 11.843.405 euros.