A Corporación Municipal, co rexeitamento do grupo do PP, do grupo Mixto e do concelleiro non adscrito, deu luz verde á modificación orzamentaria para o suplemento de crédito e crédito extraordinario financiado con remanente líquido de Tesourería.
O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, expuxo na sesión plenaria deste mércores que o obxectivo é «seguir reactivando a economía cunha nova inxección» económica, engadindo que Vigo foi o primeiro concello de España en facer uso dos remanentes, cun primeiro paquete de 36 millóns de euros aos que agora suma 13 millóns adicionais.
Coa aprobación inicial do uso deste remanente municipal, o orzamento total de investimento municipal ascende a 100 millóns de euros en máis de 90 proxectos «transformando a cidade como nunca se fixo e achegando recursos a sectores produtivos como nunca se fixo», describiu Aneiros, quen citou algún dos proxectos como o ascensor de García Barbón con Vía Norte (3 millóns de euros), a segunda fase das ramplas da Gran Vía (4,3 millóns de euros), pavillóns deportivos ou a mellora da vila de Bouzas (3,7 millóns de euros).
O edil non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, apuntou que a mobilización dos remanentes debe destinarse a «atender necesidades extraordinarias xa que son recursos extraordinarios» e propuxo un programa de axuda á hostalería e comercio, ao tecido cultural e asociativo ou o incremento da partida de emprego.
Rubén Pérez, voceiro do grupo Mixto, cualificou de «obsceno» o gasto nos proxectos previstos polo goberno municipal sinalando que os remanentes «eran para cuestións concretas, para salvar empresas, familias ou para que Vigo chegara a 100 euros de gasto por habitante». Alfonso Marnotes, voceiro do PP, considerou «obsceno» que o Concello deixara «47 millóns de euros sen gastar» e que non se destinen a programas de reconstrución económica e social senón a obras que son «pura cosmética».
O concelleiro de Facenda alegou que o goberno de Vigo destinou en 2020 máis de 3 millóns de euros en bonificacións ao comercio, bonificacións da taxa do lixo, da auga, os vados e «atendemos a urxencia e necesidades das persoas» engadindo que «Europa quere investimento produtivo que xera emprego, ocio, hostalería e turismo».
Liquidación do Orzamento 2020
Jaime Aneiros deu conta no Pleno Municipal de marzo da resolución de Alcaldía pola que se aproba a Liquidación do Orzamento do Concello e do seu organismo autónomo Xerencia Municipal de Urbanismo correspondente ao exercicio 2020, un «ano marcado pola pandemia e o decreto do Estado de Alarma que paralizou os procedementos administrativos, suspendeu algúns contratos en vigor e obrigounos a estar confinados no domicilio sen posibilidade de desenvolver procedementos selectivos e convocatorias públicas».
O concelleiro de Facenda expuxo que dado o contexto extraordinario «executouse o urxente; axudas ás persoas, ás familias», citando as accións postas en marcha polo goberno municipal desde o inicio da pandemia, e destacando que o exercicio 2020 pechouse cun investimento de 220 millóns de euros do orzamento, con pago a provedores en tempo rápido e desenvolvendo un gasto por habitante de 745 euros. Os grupos da oposición criticaron o nivel de execución orzamentaria do goberno municipal.