Máis de 1.400 persoas foron atendidas no Concello de Vigo ao longo do luns e do martes para tramitar o Ingreso Mínimo Vital ou pedir información sobre a solicitude desta axuda. “O Concello é a día de hoxe a única administración con porta de entrada presencial na cidade, nin o Instituto Nacional da Seguridad Social, nin a Xunta, nin ningunha outra institución están atendendo de forma presencial, porque queremos estar desde o primeiro día apoiando á xente que o quere solicitar”, sinalou este martes o alcalde, Abel Caballero.
O Goberno local dispón dun espazo habilitado específico na lonxa municipal con dous puntos de información, asesoramento e rexistro das peticións. A atención préstase con cita previa, que pode ser obtida a través da web do Concello ou do teléfono 010. Tamén é posible rexistrar a solicitude por medios telemáticos.
“Temos dúas persoas dedicadas no punto do concello, a semana que ven teremos catro e estamos no proceso de contratación acelerada para un total de 14 puntos de atención”, sinalou. Ademais, Caballero sinalou que onte foron atendidas 56 persoas de forma presencial e déronse outras 600 citas. Este martes, o número de atendidos con cita previa foi de 90 persoas, e outras 700 sen cita previa.
A previsión municipal é ampliar o número de espazos da cidade onde informarse e presentar as solicitudes ao Ingreso Mínimo Vital e dispoñer dun total de catorce puntos para asesorar a quen o precise. Desde o pasado venres, a web municipal conta cun apartado específico no que se pode obter toda a información sobre esta prestación: folleto informativo, impresos de solicitude, cita previa, unha guía de tramitación e a normativa, entre outros datos.
En calquera caso, Abel Caballero insistiu en que a recomendación é solicitar cita previa para que a xestión sexa máis áxil e poidan reducir as esperas. O Ingreso Mínimo Vital (IMV) é unha prestación dirixida a previr o risco de pobreza e exclusión social das persoas que vivan soas ou integradas nunha unidade de convivencia, cando se atopen nunha situación de vulnerabilidade por carecer de recursos económicos suficientes para a cobertura das súas necesidades básicas.
Configúrase como o dereito subxectivo a unha prestación de natureza económica que garante un nivel mínimo de renda a quen se atopen en situación de vulnerabilidade económica. A través deste instrumento perséguese garantir unha mellora de oportunidades reais de inclusión social e laboral das persoas beneficiarias.