O Concello de Vigo encargará este martes a redacción do proxecto do ascensor que unirá a Praza da Estación coa confluencia de Urzaiz e Vía Norte. Se trata dun elevador que substituirá ás antigas escaleiras, derrubadas pola obra do Centro Vialia.
Este espazo actuará de enlace entre o futuro acceso á estación hoxe en obras e o muro da estación, onde se apoiará a fachada da histórica terminal ferroviaria de Urzaiz, desmontada e almacenada desde hai décadas. Co contrato do ascensor, o Concello de Vigo procura resolver a comunicación vertical entre a praza e Vía Norte e ademais obter un deseño arquitectónico acorde ao seu emprazamento, no medio das dúas fachadas.
“Avanzamos de forma moi importante no conxunto da estación”, asegurou este venres o alcalde, en referencia á terminal de Vialia en marcha, ao citado elevador e ao segundo que proxecta o Concello entre García Barbón e a estación de Urzaiz. “Queremos que sexa unha zona revitalizadora e excepcionalmente importante da cidade de Vigo”, manifestou Caballero, unha zona de ocio, comercio, paseo, encontro e tránsito que levará a “marca Thom Mayne”.