O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves a adxudicación da sexta edición do programa «Vigo, Cidade de Cor» que engadirá dezaseis novos murais aos xa existentes por toda a cidade. Tras esta nova edición serán 84 os murais pintados en medianeiras e outros puntos da cidade, con 49 centros educativos sumados ao proxecto.
A iniciativa conta cun orzamento de 259.000 euros e un prazo de execución de 3 meses para pintar 16 murais nas rúas San Roque, Aragón, Avenida Ramón Nieto, Cantabria, Avenida Guixar, Avenida Atlántida, Vilagarcía de Arousa, Ronda de Don Bosco, Venezuela, Avenida da Florida, República Arxentina, rúa Coruña, rúa Palencia, IES O Castro, rúa Regueiro e rúa Chao.
Neses espazos está previsto que se eliminen os tratamentos anteriores, se limpen os muros e se mellore o recubrimento existente, aplicando pintura plástica na superficie a decorar e, unha vez pintado, aplicarase unha capa de verniz protector á intemperie.
Nesta ocasión, o programa inclúe tamén a recuperación dos murais anteriores que requiren tratamentos puntuais polo paso do tempo e haberá 100.000 euros destinados a realizar actividades culturais e didácticas relacionadas co programa de arte.
Con esta sexta edición o Concello suma xa 84 murais urbanos polo que “empezamos a ser unha das grandes cidades de Europa cun nivel importante de arte ao aire libre”, resaltou Caballero, que engadui que en Vigo hai “murais marabillosos, de calidade artística maxistral, que transformaron zonas case marxinais en zonas visitadas e artísticas”.
Amais apuntou que hai 49 centros educativos que pintaron os seus muros ao abeiro do programa avanzando que “imos continuar coa ambición de ser a cidade de España con máis arte ao aire libre e imos nese camiño”.