O Concello de Vigo aproba este martes, durante o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, o procedemento de adquisición directa da parcela do número 6 de Praza de Pescadores e indemnización ao ocupante do inmoble con actividade de hostalería. O edificio é lindeiro co de rúa Alta no que está en marcha o proxecto para construír o novo Centro de Formación para Persoas en Risco de Exclusión Social.
A superficie da parcela é de 62 metros cadrados e a compra permitirá ampliar a Praza de Pescadores para dar acceso á nova instalación municipal. Está previsto a rehabilitación do edificio da rúa Alta 23 (cunha superficie de 329 metros cadrados) e a demolición da edificación de Pescadores 6.
Co novo centro de formación o Concello de Vigo pretende poñer en marcha procesos de inclusión social para dar formación a persoas en situación de risco e con necesidade de emprego. “Abordamos así un proxecto global que comprende tanto a rehabilitación da zona histórica como como a posta en marcha dun programa de actuación ambicioso no ámbito social”, sinalou Caballero.
O centro de formación, financiado con fondos FEDER da UE dentro do programa EDUSI, disporá de salas destinadas a impartir cursos de carácter multidisciplinar, realización de itinerarios de inserción laboral destinado fundamentalmente a colectivos e persoas en risco de exclusión.
Derruba en Camiño Romeu
Ademais, o alcalde informou de que a Xerencia de Urbanismo tamén dá este martes o visto e prace á contratación da obra para a derruba da edificación sita no Camiño Romeu 32, na zona de Muiños (Coruxo) por un importe de 6.698 euros. Trátase dunha estrutura con semisoto, planta baixa, dúas plantas e baixo cuberta declarada polo Consello da Xerencia Municipal como incompatible co ordenamento urbanístico.
Segundo explicou Abel Caballero, en setembro de 2019 o Xulgado del Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo desestimou integramente a demanda dos propietarios e o Concello executará agora a obra de forma subsidiaria e cobrará posteriormente os gastos ao donos.