A Xunta de Goberno do Concello de Vigo deu luz verde á contratación do servizo de limpeza e desinfección de 114 instalacións públicas ao aire libre, atendendo ao protocolo covid. Concretamente, detallou o rexedor, cun orzamento de 99.944 euros, se prevé actuar en 68 parques infantís, 35 áreas biosaudables e 11 áreas deportivas.
Unha labor similar é a que está a desenvolver o Concello nos centros públicos de infantil e primaria. En declaracións aos medios, Caballero afeou á Xunta que non sexa responsable e asuma estas tarefas, para as que recibe fondos do Goberno de España.
Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego vén de urxir o goberno municipal de Vigo á reapertura de todos os parques infantís da cidade. A fronte nacionalista reclama que se reabran antes do inicio do período vacacional de semana santa e dentro das medidas de desescalada sociosanitaria.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que na actualidade só están abertos 15 parques infantís e que a meirande parte destes levan fechados desde mediados de outubro, como resultado dunha decisión «arbitraria sen ningún tipo de base científica e que o único que provocou foi a masificación dun pequeno número de parques».