O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este venres que o Concello contratará un servizo de comidas para reforzar a entrega ao domicilio das persoas e familias máis vulnerables. “Imos reforzar a labor dos comedores socias e vamos a contratar un ‘cátering’ que dará comida a repartidores e a levará aos domicilios”, apuntou o rexedor nunha videconferencia cos medios de comunicación.
Segundo explicou, este servizo segue en funcionamento o servizo de Xantar na Casa e tamén están entregadas as becas de comedor por neno a máis de 1.000 familias. “As familias que poidan adiantar agora o diñeiro que non se preocupan porque despois lles pagaremos o gasto”, apuntou Caballero.
Ademais, o alcalde insistiu en que para evitar que ninguén vaia aos comedores sociais, o Concello xa está a levar a comida a súa casa. Trátase dun grupo de entre 400 e 500 persoas, pero o rexedor apuntou que os comedores non son capaces de asumir tanta xente, polo que se contratará un servizo externo a unha empresa viguesa.
Albergue e pavillóns
Pola súa banda, a cociña do albergue municipal de Marqués de Valterra xa repartiu, desde o 16 de marzo, un total de 3.254 menús, entre os almorzos, comidas e ceas do propio albergue, do pavillón do Berbés e do servizo a domicilio.
O alcalde avanzou tamén que o Concello traballa coa previsión da apertura dun novo pavillón para persoas sen fogar pero polo de agora prefire agardar porque o Berbés aínda non está cheo. “Tíñamos problema de camastros e xa está resolto, hai doazóns particulares e Cruz Vermella, xa temos todo o material para abrir un novo pavillón como albergue”, sinalou. No Berbés houbo a pasada noite once camas baleiras, polo que pode asumir a demanda.
Axudas de emerxencia
No respecto ás axudas de emerxencia, onte repartíronse máis de 100 cun importe de case que 30.000 euros, polo que a suma total desde o inicio da crise do Covid-19 alcanza os 250.000 euros.
“Reitero que toda aquela persoa que necesite recursos que chame a través do 010, non quero que ninguén quede en Vigo sen axuda”, apuntou o alcalde.