Vigo non renuncia a convocar campamentos de verán para que as familias poidan conciliar este verán e Abel Caballero anunciou este xoves a aprobación dos tres primeiros eventos deste tipo coas medidas necesarias para ter seguridade ante a pademia do Covid-19.
A Xunta de Goberno Local deu luz verde á prórroga dos contratos. Nesta primeira quenda habilítanse 720 prazas nos chamados campamentos náuticos (Verán Náutico I, II e Verán Mariñeiro) que se desenvolverán na ETEA e en Teis cun importe de 80.000 euros.
Tal e como avanzou o rexedor, nas próximas semanas o Concello seguirá aprobando prórrogas do resto de contratos.
«O Concello permanecerá moi atento ás directrices das autoridades sanitarias porque -asegurou- a normativa vai cambiar respecto de anteriores edicións é haberá aplicar novas precaucións no desenvolvemento destas actividades de ocio e conciliación familiar».
SADI Canguros
Ademais, o Concello validou a contratación da xestión do Servizo de Atención Domiciliaria á Infancia, SADI Canguros, cun orzamento de 360.000 euros para dous anos. A través deste programa, Vigo presta coidado aos nenos que queden sós temporalmente, un servizo de canguros que busca favorecer e potenciar a formación e acceso ao emprego e independencia económica das mulleres, en particular das máis vulnerables.
Os datos ofrecidos este xoves por Abel Caballero revelan que, durante o pasado ano 2019, 170 persoas resultaron beneficiarias desta iniciativa, cun total de case 10.000 horas de atención e a contratación de 25 profesionais ao efecto.