O Goberno de Vigo remitiu unha carta ao departamento de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia urxindo o informe preceptivo para poder a acometer a obra da praza da nova estación de Urzaiz, un proxecto vital para poder abrir os accesos e o Centro Vialia. A licitación está só pendente desa autorización, que xa foi solicitada hai catro meses polo que se cumpriu o prazo administrativo de resposta.
Segundo explicou este xoves Abel Caballero, a Comisión Técnica de Seguimento do convenio para a execución dos accesos acordou por unanimidade reiterar esta petición na reunión que mantiveron este mércores. Dada a urxencia das obras, na misiva advírtese da necesidade de recibir ese informe nun prazo máximo de cinco días. En caso contrario, o Concello -como administración encargada da execución do proxecto- procederá á licitación das obras, entendendo que se aplica o silencio administrativo.
Esta actuación, lembrou o rexedor, enmárcase no convenio de colaboración entre Xunta, Concello e Adif para a execución dos accesos no contorno da nova estación. Esta obra ten un orzamento de 1,7 millóns, financiados maioritariamente por Adif.
Tal e como publicou VIGOÉ hai varias semanas, a promotora do Centro Vialia eliminou das súas previsións a data inicial de apertura (primavera de 2021) por mor dos retrasos na construción dos accesos. Agora a empresa Ceetrus só compromete o inicio da actividade comercial ao longo do vindeiro ano.