A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a concesión directa dunha subvención de 32.760 euros á Diocese de Tui-Vigo para restaurar a carroza do Santísimo Cristo da Vitoria. Mediante a firma dun convenio específico, a Igrexa Católica poderá arranxar, a cargo das arcas municipais, os problemas que arrastra a peza sobre a que circula a figura durante a procesión que se celebra cada primeiro domingo de agosto.
Abel Caballero intentou defender este luns que este carro forma parte do patrimonio histórico artístico da cidade. Foi realizado a mediados do século pasado e doado por unha empresa viguesa. Nestes momentos, está deteriorado e mesmo sofre problemas nos freos.
Para Caballero o Cristo da Vitoria é en Vigo un “acontecemento de enorme dimensión relixiosa e cunha inmensa dimensión social”. “É unha efeméride da cidade”, sostivo o alcalde vigués, que hai pouco tamén informou doutra subvención á Igrexa para instalar a figura dun Cristo na ermida da Guía.