Vigo disporá proximamente de 185 semáforos acústicos activados a través do ‘bluetooth’ do móbil ou cun mando a distancia que configura o Concello para que a ONCE os poida distribuír entre os seus usuarios. O alcalde da cidade, Abel Caballero, deu conta este mércores da instalación de cinco novas unidades, dotadas coa mesma tecnoloxía o que permite a activación do son á demanda do invidente.
Esta tecnoloxía reduce en gran medida a contaminación acústica que xeraban sistemas anteriores con avisos sonoros. Permanecían activos desde as 07.00 ata ás 23.00 horas, o que causaba “serias molestias” entre a veciñanza. Na actualidade, este sistema ten a vantaxe de atender aos discapacitados visuais todo o día ao tempo que se reducen as molestias acústicas nocturnas.
“Producían unha fortísima contaminación acústica. Se un vivía a carón dun semáforo acústico, cada dous minutos sufría molestias que empezaban ás 07.00 horas. Por iso desenvolvemos unha tecnoloxía que activa o semáforo cando se achega o usuario”, explicou Caballero.
Os cinco novos semáforos vanse instalar nos cruces da Avenida do Aeroporto e Camiño Fonte da Barca; Estrada Valladares-Camiño Portal; Avenida do Aeroporto-Pardavila; Travesía de Vigo-Buenos Aires e confluencia das rúas Florida e Tui.