O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este venres que na esquina entre Hernán Cortés e María Berdiales haberá unha praza pública de máis de 800 m2. Así consta no estudio detalle da zona que se aprobará inicialmente a semana que vén.
Na próxima Xerencia de Urbanismo aprobarase inicialmente o estudo detalle de Hernán Cortés que suporá a ordenación dos volumes que se poden construír na confluencia desta rúa con Doutor Colmeiro Laforet e María Berdiales.
Está prevista unha praza pública de máis de 800 m2 nunha zona próxima a varios centros educativos e, polo tanto, con demanda de espazos públicos. A ordenación contempla a construción de 63 novas vivendas dunha altura máxima de 8 plantas.
San Roque
Outro dos asuntos que se abordarán na Xerencia será, segundo avanzou o rexedor, a validación do proxecto e inicio de execución subsidiaria en ruína en San Roque. Cun importe de 82.000 euros, o Concello derruirá os números 130, 132, 142 e 144 – que están en ruína – para sanear e limpar a zona, dada a inacción dos propietarios.
Fontes de Aragón
Caballero deu conta de que o sábado iluminaranse de azul as fontes da rúa Aragón para conmemorar o Día Mundial do Refuxiado. O Concello súmase así á Noite Azul que promove Acnur.