O obxectivo de Vigo Histórico é chamar de novo a atención para que se reconsidere o proyecto que inclúe a planificación do túnel ao considerar que «é simplemente ornamental, e non contribúe a reducir o tráfico e a contaminación».
#VigoEnVerde é o lema desta intervención lúdico-artística, prevista en principio para a tarde do venres, pero que por mor da choiva foi aprazada ó sábado. A previsión do colectivo é ter colocados todos os zapatos as 17:30, para reclamar unha peonalización «realmente verde, poñer en valor o Paseo de Alfonso, e defender o Camiño de Santiago Portugués pola costa, que quedaría visiblemente deslucido polas ramplas do túnel en Elduayen».
Vigo Histórico leva semanas recollendo zapatos inservibles para pintalos e poder colocalos na rúa, para crear unha imaxe rechamante, que chame a atención da cidadanía viguesa e do Concello de Vigo, ao que solicita que procure unha alternativa de peonalización sostible da Porta do Sol, sen afectar negativamente ao patrimonio.