Vigo conta desde este martes co seu primeiro albergue público. As novas instalacións foron inauguradas este 29 de xuño para converterse nunha das mellores instalacións de acollida ao peregrino da rede pública da Xunta de Galicia. O edificio ten capacidade para acoller a 93 persoas e conta cunhas instalacións perfectamente accesibles, para que calquera peregrino poida utilizalo.
Este novo albergue enmárcase no Plan de albergues (2019-2021), que inclúe un total de 7 millóns de euros para crear 8 novos albergues públicos. Ao remate deste Xacobeo a Rede contará con 78 centros. O albergue recibe o nome de Juan Manuel López-Chaves, impulsor do Camiño Portugués e un dos artífices do recoñecemento internacional ao Camiño de Santiago.
A distribución de estancias para dormitorios e baños situáse en planta primeira e segunda, con grandes estancias con liteiras nos extremos e con baños entre as mesmas, dada a profundidade da edificación e escaseza de luces. A planta 3ª queda reservada para lavandería e instalacións. A planta 4ª é a que ten acceso dende a praza do Peñasco. A planta 5ª tamén se dedica a unha habitación cos seus baños diferenciados por sexo.
Ese albergue conta con 7 cuartos, un deles aloxamento exclusivo accesible con 3 prazas e un aforo máximo de 93 persoas –45 liteiras e 3 camas accesibles-. Ademais, inclúe servizos hixiénicos accesibles: 2 na planta baixa, para servizo da zona de lecer, e tamén 2 con ducha accesible en plantas 1ª e 2ª.
Ruta en progresión
Pola súa parte, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, gabou esta nova instalación que acollerá a cidade olívica como a infraestrutura máis importante para a acollida de peregrinos no Camiño Portugués da Costa, “unha das rutas que máis medra dentro do Camiño de Santiago”.
Fernández Tapias, tamén salientou a importancia da rehabilitación dos espazos que ocupa este albergue para a zona do Berbés e o Casco Vello de Vigo, “como un exemplo de recuperación do patrimonio de todos os vigueses” e que deberá marcar unha liña de actuación neste ámbito.