Vigo incorporou este mércores un camión que conta con 10.000 litros de capacidade e que se sumou aos equipos de desinfección de rúas dos que dispón o Concello. Este vehículo, que xera unha “nube de desinfección”, en verbas de Abel Caballero, dedicarase fundamentalmente ao rural vigués.
O camión é quen de percorrer diariamente “seguramente ata cen quilómetros” e a súa operativa concreta pola cidade ten que ser aínda definida pero desinfectará as parroquias con horarios distintos en función da afluencia de xente.
O alcalde avanzou contactos para sumar novos medios que incrementen a desinfección na cidade. Segundo informara en días anteriores, o Concello traballa diariamente no casco urbano e en todas as parroquias, con catorce equipos en quendas de mañá, tarde e noite, e desinfecta tamén cada xornada espazos como o pavillón do Berbés, Cedro, a Policía Local, os parques de Bombeiros, o albergue, Protección Civil, os cemiterios de Pereiró, Teis e Lavadores, e as contornas de todos os centros de saúde e outros espazos sanitarios.
Denuncias
O rexedor deu conta este mércores das intervencións realizadas o martes pola Policía Local de Vigo para garantir o cumprimento do Real Decreto do estado de alarma. Os axentes sancionaron a 35 persoas e fixeron controis en 885 vehículos, na súa gran maioría cumprindo coas normas establecidas.
Entre as denuncias impostas este martes, algunhas cursadas a pais ou nais por estar con nenos polas rúas, outra a un home tomando unha cervexa nun parque ou unha terceira a outra persoa que paseaba polo monte do Castro.