Coa colocación da tradicional cápsula do tempo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxeron este luns a primeira pedra das esperadas obras de humanización da rúa Ronda de Don Bosco, unha ambiciosa actuación que supón un investimento de 1,5 millóns de euros, dos que a institución provincial achega 900.000 euros e administración local os 600.000 restantes.
Durante a visita, Silva subliñou que “estamos ante unha rúa de especial relevancia para a cidade que estaba pedindo a berros ser mellorada” e apuntou que “como presidenta da Deputación de Pontevedra estou encantada de que sigamos a investir na cidade de Vigo porque os e as viguesas merecen que todas as administracións o fagan e teñan a consideración que merece a cidade más grande de Galicia”. Neste senso, Abel Caballero tamén agradeceu o apoio da institución provincial, que “está apoiando a Vigo máis que nunca”.
Co proxecto de humanización da rúa Don Bosco, que está previsto que estea rematado en 10 meses, vaise crear unha nova praza pública agradable, cómoda e moderna con posibilidade de albergar diferentes actividades de ocio. A actuación implica, ademais, unha renovación do saneamento, do abastecemento, do alumeado, das telecomunicacións, da rede eléctrica, do rego, do firme e o aumento das zonas axardinadas.
As obras abranguen desde o Mercado do Progreso ata a rúa Velázquez Moreno e entre a rúa Eduardo Iglesias e o Paseo de Granada, posto que a parte intermedia xa está humanizada. O proxecto inclúe tamén a peonalización da rúa María Auxiliadora.
Ademais, tal e como informaron Carmela Silva e Abel Caballero, unha das grandes novidades que traerá será a limitación de 10 quilómetros por hora para os vehículos, que converterá á Ronda de Don Bosco nunha rúa semipeonil con prioridade para peóns.
Sobre a propia intervención, que actuará sobre 5.600 metros cadrados, a presidenta da institución provincial sinalou que “este espazo quedará irrecoñecible grazas a un proxecto que vai responder ás necesidades dunha sociedade avanzada, pois na Deputación e no Concello de Vigo cremos na sustentabilidade, na mobilidade, na accesibilidade e na recuperación do espazo público para as persoas, queremos que as e os peóns sexan as e os protagonistas”.
“Trátase de darlle hexemonía absoluta aos peóns», recalcou Abel Caballero, quen lembrou que esta “é unha rúa con moita historia que atrae e alberga a moitos veciños e veciñas e que, sen embargo, leva cen anos abandonada sen que ninguén fixera nada ante o seu deterioro”. Tamén quixo recalcar que “con estas obras non se retirará ningunha árbore e respectarase o patrimonio histórico que ten este espazo”.