Cos votos favorables do grupo popular e a abstención do grupo Mixto e do concelleiro non adscrito, o Pleno ordinario de marzo deu luz verde á aprobación inicial do proxecto de modificación da Ordenanza reguladora das taxas pola prestación do servizo das escolas de primeira etapa de Educación Infantil.
A rede de escolas infantís municipais conta con 9 centros e oferta 661 prazas para crianzas de entre 0 e 3 anos cun presuposto que supera os 2 millóns de euros anuais e que, tal como expuxo no Pleno o edil de Facenda, Jaime Aneiros, «están totalmente financiadas polo Concello», que subvenciona máis de 3.500 euros de media por praza.
Apuntou o edil que desde o ano 2021 o goberno de Vigo construíu 5 novas escolas infantís dedicando recursos aos nenos para iniciar a súa escolarización e o seu desenvolvemento pero tamén co fin de servir de «panca de apoio» para a conciliación das familias da cidade. Ademais, o Concello cofinancia as dúas escolas infantís da Xunta de Galicia na cidade con 205.000 euros anuais. A modificación da ordenanza inicia a tramitación co obxectivo a «estender» as bonificacións ás familias apoiando ás nais e pais da cidade e favorecendo a escolarización.
Xabier Pérez Igrexas, concelleiro non adscrito, trasladou a súa coincidencia no sentido da proposta e apostou por unha «maior progresividade pensando nas familias con menos recursos». Rubén Pérez, voceiro do grupo Mixto, propuxo ampliar o criterio de exención a familias con ingresos inferiores a 500 euros mensuais e Alfonso Marnotes, voceiro popular, apuntou que a modificación da ordenanza deriva da Xunta de Galicia, que establece a gratuidade do segundo fillo nas súas escolas infantís.