Vigo contará este verán con 2.388 prazas en campamentos urbanos e actividades estivais para nenas e nenos da cidade en diferentes espazos e con medidas especiais de seguridade. O orzamento do programa é de 227.000 euros.
A oferta inclúe o campamento en VigoZoo con 208 prazas, Verán en Samil con 200 prazas, Verán en Alcabre (200 prazas), Verán en inglés (100 prazas), Verán en Navia (195 prazas), Verán en Vigosónico (195 prazas), Verán na Casa da Xuventude (60 prazas), Verán en Coia (60 prazas), Verán mariñeiro (200 prazas), Verán náutico na ETEA (320 prazas), Verán náutico en Bouzas (200 prazas) e o Campamento urbano en Travesas (450 prazas).
Este xoves, 4 de xuño, abre o período de solicitude, que poderá realizarse de xeito telemático ata o vindeiro 12 de xuño. As prazas adxudícanse mediante un sorteo, que se realizará o 15 de xuño ás 11.00 horas, sen público polas limitacións do estado de alarma. O 22 de xuño publícase o listado definitivo na web do Concello.
Medidas sanitarias
Os campamentos municipais deste verán van desenvolverse con todas as garantías sanitarias establecéndose medidas de seguridade na recepción dos menores como unha declaración responsable dos proxenitores garantindo a saúde dos nenos nos 14 días previos á entrada no campamento.
Cada día confirmarase que non se identificou ningunha situación estraña nos nenos, tomarase a temperatura, desinfectarase mans e/ou calzado e na saída informarase aos pais se houbo algunha incidencia e desinfectaranse as mans.
Amais, o primeiro día os participantes realizarán unha acción formativa sobre “normas do campamento seguro”. Terán que lavar mans antes de comida ou merenda, despois de ir ao baño e ao remate das actividades de contacto con superficies. A separación dos grupos será este ano maior á habitual e estableceranse criterios de comportamento ante toses, esbirros, contacto de mans, nariz, ollos ou boca así como pautas de desinfección continuas nos espazos.
O programa Verán Xove, de Xuventude, completarase coa oferta de actividades doutros departamentos municipais, de xeito que a oferta será similar á do ano pasado.