«Aínda que son os cidadáns os auténticos responsables do espírito cooperativo que rexe a área de Vigo, é de xustiza recoñecer a determinación dos que hoxe estades aquí para contribuír, desde as vosas responsabilidades, a seguir construíndo esta obra colectiva imparable», aseverou, referíndose así aos concellos de Redondela, Cangas, Moaña, O Porriño, Nigrán, Mos, Baiona, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, «aos que agardamos –engadiu- que de xeito inmediato poida sumarse o de Gondomar».
Durante a sinatura do Convenio de colaboración do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo, Feijóo salientou que: «Doce concellos e Xunta acabamos de asinar un compromiso: beneficiar entre os doce concellos aos catorce municipios da comarca. Asinamos un convenio que mellorará, sen dúbida, a vida de todos aqueles que precisan da súa comarca para desenvolver unha vida profesional e persoal máis plena».
Así mesmo, aseverou que estes doce concellos fan hoxe o que fixeron «fai anos» os de Lugo, A Coruña, Ferrol e Santiago; «deixades á marxe calquera diferenza política e vos unides ao Goberno de Galicia para que as persoas que representades poidan avanzar». «Aquí estades alcaldes que queredes sumar. Estades, en definitiva, servidores públicos que buscades, antes que ningunha outra cousa, beneficiar aos vosos veciños, conscientes de que esta aposta é unha oportunidade», incidiu.
Nesta liña, resaltou que esa aposta tradúcese nun investimento de 12 millóns de euros -o 80% financiado pola Xunta e o 20% polos concellos- cun único obxectivo: abaratar o custe do transporte ao veciños. Procurando que as cidades sexan máis limpas, que o tráfico sexa máis fluído e que as persoas poidan acceder con maior facilidade.
Con estes obxectivos, Feijóo lembrou a posta en marcha en 2011 dun Plan de Transporte Metropolitano que acreditou o seu éxito –cun incremento nas áreas onde está funcionando dun 20%- e que neste ano 2015 incrementa nun 43% o seu orzamento. E, no tocante ao Plan de Transporte Metropolitano de Vigo, salientou que cando a partir da primavera entre en funcionamento ofrecerá aos usuarios da súa tarxeta: descontos medios do 50% nas viaxes metropolitanas; aforros anuais para os que utilicen con frecuencia o transporte metropolitano dun 50% do seu custe; e un sistema de billete único que facilita a intermodalidade e inclúe ademais o transporte por barco.
«En definitiva, un acordo que permitirá que os veciños se despracen con maior facilidade e menor custo polos espazos que configuran a súa xeografía cotiá», aseverou, ao que engadiu que a área de Vigo é xa, de facto, unha ampla realidade económica e demográfica á que é posible pertencer sendo ao mesmo tempo de Cangas, do Porriño, de Baiona, «ou de calquera dos concellos hoxe aquí representados». «Os cidadáns abriron o camiño e os gobernantes temos a obriga de non poñerlle obstáculos. Actuar doutro xeito equivale a pechar os ollos e os oídos ao que a sociedade nos reclama, porque ningunha vontade individual poderá ser máis forte que a vontade da xente», abundou.
Para eses mesmos veciños da comarca que demandan poder desprazarse con maior seguridade e confort, Feijóo destacou, así mesmo, os traballos da Xunta para iniciar este ano o desdobramento en autovía do Corredor do Morrazo. «E para responder aos galegos que piden estar máis cerca, o Goberno central esta a terminar o Eixo Atlántico de Alta Velocidade que reducirá a 70 minutos o tempo que separan Vigo da Coruña e, tamén, acaba de iniciar fai uns días a ampliación da Ponte de Rande», engadiu.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resaltou que o plan mellorará a accesibilidade e a mobilidade das vilas. «E, non só contribuirá a frear a intensa utilización do vehículo particular, senón que, ao igual que aconteceu nas outras cidades onde xa leva tempo implantado, contribuirá a aumentar notablemente o uso do transporte público. O proxecto, que imos poñer en marcha xa nesta primavera, prevé un incremento do 27% no uso do transporte metropolitano, beneficiando a preto de 500.000 persoas. E, o noso obxectivo no ano horizonte do plan -2019- é chegar a máis de 4 millóns de desprazamentos no transporte metropolitano da área de Vigo», explicou.