A Xunta de Goberno Local de Vigo aprobou a volta á actividade de varias instalacións municipais, dentro do plan de desescalada cara a nova normalidade e respectando as condicións sanitarias establecidas polas autoridades.
Entre elas se atopan as salas de lectura de Navia e do Auditorio Mar de Vigo desde o vindeiro luns, 15 de xuño. Ademais, ese día o Goberno municipal porá en funcionamento os pavillóns polideportivos de Navia, Travesas e ETEA co obxectivo de que as entidades deportivas das actividades permitidas poidan ir reiniciando e programando a súa volta á actividade. Polo momento, só está permitido o deporte individual; non deportes colectivos nin de contacto.
Do mesmo xeito, o mércores 17 de xuño retomarase o contrato dos servizos para as piscinas cubertas de Travesas, Lavadores, Teis e Valadares afectando á totalidade dos servizos de recepcionistas, socorrismo e limpeza, manténdose a suspensión total das actividades docentes: monitores, profesores e coordinadores.
O aforo permitido nas piscinas será do 30%, unha media de 3 persoas por rúa, con tódalas medidas de seguridade, e establecendo un sistema de bloques de rúas de dirección única, para evitar que se crucen usuarios. Con todo, esta decisión tomouse antes de que se coñecera que Galicia sairá do estado de alarma o luns, polo que as contía do aforo podería verse incrementada.
Desde este venres, están en funcionamento os servizos dos complexos deportivos Máis que Auga de Barreiro, Florida e Navia que contan cun plan de continxencias que recolle tódolos aspectos necesarios para cumprir as medidas obrigatorias para o seu funcionamento cun aforo máximo do 50% para instalacións deportivas e do 30% para as piscinas.
Zonas verdes
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a continuidade na prestación do servizo de mantemento, conservación e reposición de zonas verdes do Concello, a cargo da empresa Althenia. O contrato contemplaba dúas prórrogas dun ano cada unha, que só poderían aplicarse de mutuo acordo entre as partes. Althenia renunciou á prórroga pero o Concello, amparado no decreto do Covid-19, decidiu aplicala unilateralmente de xeito forzoso, mentres tramita os pregos do novo concurso.
O contrato inicial con Althenia expira o 15 de xuño e queda prorrogado ata o 1 de outubro.