O Concello de Vigo vén de obter o documento vinculante de Aviación Civil para a actuación na Panificadora, co que só resta un informe da Xunta de Galicia para poder aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que fará posible recuperar o inmoble para o público.
O cambio no PXOM permitirá a remodelación que o Concello proxecta xunto coa Zona Franca de Vigo, que pasa pola conversión do edificio nunha dotación pública e pola rehabilitación do seu entorno. “Imos recuperar a Panificadora para a cidade na súa totalidade e isto é unha gran noticia; leva aí sesenta anos agardando, sesenta anos de abandono”, explicou Caballero.
A gran incógnita é como será o proxecto definitivo para esta reforma, que foi anunciado en varias ocasiones polo alcalde pero aínda non foi presentado publicamente. En 2019 Caballero asegurou que daría a coñecer o novo plan para estas instalacións cando rematasen os períodos electorais previstos para ese ano. Con todo, a día de hoxe non se completou ese paso.