Vigo instou este mércores no pleno municipal ao goberno autonómico a aplicar a gratuidade total das escolas infantís desde o comezo do ano 2022 co novo orzamento, incluindo o servizo de comedor ademais da atención educativa. A moción do grupo municipal socialista, aprobada co apoio do grupo mixto e do concelleiro non adscrito e co rexeitamento do PP, insta á Xunta de Galicia a incluír nos seus orzamentos unha partida para garantir a gratuidade das escolas infantís dende o 1 de xaneiro de 2022, tanto para a atención educativa como para o servizo de comedor.
O concelleiro de Educación, Gorka Gómez, defendeu a “gratuidade total, cero” das escolas infantís xa que, tal e como recolle a proposta da Xunta de Galicia ,os usuarios “deberán pagar polo servizo de comedor e de transporte”. Puxo como exemplo de gratuidade completa as escolas infantís municipais nas que o Concello subvenciona o 90% do custo da praza e máis do 60% do alumnado están exentos de pago.
Para o edil non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, a medida debe contribuír a “consolidar e universalizar as escolas infantís” mentres Oriana Méndez, edil do grupo mixto, sostivo que é “razoable pedir á Xunta que o anuncio se materialice”. Patricia López, concelleira do grupo popular, pediu aos grupos que “non queden no enfrontamento absurdo e deixen traballar” ao goberno autonómico.
Contratación de profesorado
A Corporación municipal aprobou tamén a moción socialista que insta á Xunta de Galicia á contratación de profesorado para tódolos centros educativos da cidade que viron recortado o seu persoal, con especial atención á contrata de profesorado para alumnado con necesidades educativas especiais. O texto foi aprobado por todos os grupos municipais agás o PP, que o rexeitou.
O edil de Educación, Gorka Gómez, expuxo no Pleno que desde que preside a Xunta, Alberto Núñez Feijóo “pechou un de cada 10 centros educativos. 140 centros menos con 20.000 alumnos máis amosan a política continuada de recortes de Feijóo”.
Xabier Pérez Igrexas, concelleiro non adscrito sostén que os recortes non se deben á falta de recursos senón a que “o PP non cre nos servizos públicos e na educación o seu modelo é a privada-concertada”. Oriana Méndez, concelleira do grupo mixto explicou que “os reforzos, os desdobramentos e a redución das ratios” durante a pandemia, “melloraron o rendemento e os resultados” e a edil popular Teresa Egerique criticou que o alcalde só fixera “tres escolas infantís en quince anos de goberno”, ao que Gorka Gómez rebateu que foron cinco e non tres.