A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a contratación de catro auxiliares administrativos para a Concellería de Benestar Social, un servizo ao que se incorporarán en breve outros dous traballadores procedentes tamén da bolsa de emprego municipal. O obxectivo é reforzar a xestión dun departamento que está a recibir moita demanda de atención xa que as axudas teñen que darse con “prontitude e de xeito inmediato”, segundo Abel Caballero.
Respecto dos servizos que xa está a prestar o Concello, o alcalde avanzou que a pasada noite foron 41 as persoas que durmiron no pavillón do Berbés, o que deixa aínda nove vacantes. Sobre a intención de habilitar unha nova instalación para persoas sen fogar de Vigo e, eventualmente, da área metropolitana, o alcalde admitiu que se están a atopar co problema de falta de catres. É Cruz Vermella a que está a buscar este mobiliario pero non é doado “porque hai certa escaseza debido á alta demanda que existe na actualidade”.
Logo de aclarar que, se fora preciso, se buscarán fórmulas alternativas, explicou que o pavillón do Berbés xa está a aloxar a persoas de Redondela, O Porriño e Baiona, pero é posible que se incorporen máis usuarios dado o traballo de rúa que segue a localizar a persoas sen fogar que practican a mendicidade e que nestes momentos precisan aloxamento. “Vigo quere amosar a súa solidariedade coa área metropolitana porque somos un territorio real aínda que sen substrato xurídico”, engadiu.
O alcalde tamén deu conta de que o Concello recibiu unha doazón de pantallas protectoras contra o coronavirus por parte do Centro de Formación Profesional de Coia. Será o persoal de servizos sociais o que reciban este material de protección que Caballero agradeceu no nome de toda a cidade.