O Concello de Vigo reanudou as actividades nas hortas urbanas municipais redundo a un terzo o aforo para garantir os criterios de distancia e protección dos participantes. Haberá que facer reserva previa e limítase a 90 minutos por participante a permanencia nas instalacións.
As hortas da avenida das Camelias, rúa Fontáns, Ramón Nieto, Teis, Navia e Sardomela foron xa acondicionadas, con bancais para os usuarios e zonas comunitarias. E xa están preparados os espazos para o inicio da plantación de cultivos de primavera (tomate, pemento, berenxena ou leituga…).
Este programa contou o ano pasado con 300 participantes aos que se lles ofreceu -ao igual que este ano – un curso de formación, ademais de adxudicarlles bancais con apoio na súa creación e xestión.
Tal e como explicou o rexedor, esta semana tamén se retomou o voluntariado ambiental co obxectivo de actuar nesta primavera en distintas zonas da cidade. No Monte da Guía procederase á limpeza da maleza, á preparación de zonas para novas prantacións, erradicación de acacias e eucaplitos e o acondicionamento do sendeiro azul. Outra das accións previstas é revisión de sendeiros locais, repintado de sinais, limpeza de maleza, recollida de residuos para preparar as rutas do “Camiño a camiño”. Tamén volverá a funcionar a iniciativa de acompañamento de cans da Protectora municipal.